A UDC investiga o aproveitamento das cunchas de mexillón na construción
A UDC investiga o aproveitamento das cunchas de mexillón na construción
A Universidade leva máis dunha década de estudos e constata a viabilidade do material
Confirma que é un bo illante térmico e acústico e unha boa barreira capilar
España é a primeira produtora de Europa e a terceira do mundo de mexillón. As conserveiras galegas xeran 27.500 toneladas de residuos de cunchas ao ano.
A Universidade da Coruña investiga desde 2013 sobre o aproveitamento desas cunchas na construción.
"Podemos constatar que é completamente viable usar a cuncha de mexillón tanto na substitución de area natural coma para uso de illante térmico e acústico, e mesmo como barreira capilar", afirma Carolina Martínez, autora da tese doutoral sobre o aproveitamento da cuncha de mexillón na construción.
Véñeno comprobando no laboratorio e tamén tras a construción dun módulo experimental, levantado no campus de Elviña con cunchas do bivalvo nos cimentos, nas paredes e no teito, que leva sensores instalados no interior para vixiar o comportamento do material.
"Todo o tema de que xeramos vapor que ten que absorberse pola parede sen dar lugar a que aparezan humidades, pois este material regula moi ben ese comportamento", apunta a catedrática do grupo de construción da UDC Belén González Fonteboa.
O uso de cunchas de mexillón para construír non está asentado no mercado pero xa hai algúns exemplos de aplicacións.
"A praza dos mariñeiros, preto do Ágora, aquí na Coruña, e tamén para mobiliario de interior nalgún bar, nos mesados, nos lavabos", relata Belén González.
A investigación segue adiante. Agora centrada en constatar a durabilidade do material.