Publicador de contidos
Publicador de contidos

Localizan sen vida o menor de Ares desaparecido dende o venres

Localizan sen vida o menor de Ares desaparecido dende o venres

O corpo do rapaz de 14 anos estaba na zona de cantís do cabo Segaño, á entrada da ría de Ferrol

G24.gal 28/09/2024 15:18 Última actualización 28/09/2024 18:17

Persoal de emerxencias atopou este sábado o corpo sen vida dun menor que estaba desaparecido desde o venres en Ares, segundo confirmaron fontes policiais.

O rastro de Lucas Seijo, de 14 anos, perdérase na parroquia de Chanteiro. A plataforma SOS Desaparecidos difundira unha alerta de alta vulnerabilidade. 

O rapaz saíra de casa montado nunha bicicleta de cor vermella, pero non regresou á vivenda, polo que se pediu apoio cidadán a través da Garda Civil e comezou a busca con membros do Instituto Armado e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Mugardos.

O corpo foi localizado nas inmediacións de Punta Segaño, á entrada da ría de Ferrol, grazas ao operativo no que tamén participou a veciñanza e familiares do menor. 

A Axencia Galega de Emerxencias precisou que un equipo do Servizo de Gardacostas  recuperou o corpo nunha zona de cantís e sinalou que un particular avisou do achado a través dunha chamada telefónica ao 112.

Atención especializada

Ademais, foi preciso o desprazamento "de sanitarios ao domicilio do menor para prestar asistencia á familia", polo que se alertou ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia para "ofrecer atención especializada".

A Garda Civil, que investiga as causas do suceso, iniciou a procura do mozo pola contorna e solicitou ao departamento autonómico a colaboración doutros equipos de emerxencias ao fío das tres 3:00 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade