Unións Agrarias nega que os gandeiros sexan os culpables da perda de competitividade da industria
Unións Agrarias nega que os gandeiros sexan os culpables da perda de competitividade da industria
Unións Agrarias nega que os prezos que se lles pagan aos gandeiros polo leite sexan os responsables da perda de competitividade da industria española, tal como afirmou onte a FENIL, a patronal láctea
Nunha entrevista na Radio Galega, Roberto García acusou a patronal láctea de manipular os datos para xustificar as tres baixadas de prezo deste ano e preparar, dixo, a nova baixada que se prevé para decembro
Roberto García afirmou que aínda que o prezo medio que perciben os gandeiros por quilo de leite foi entre xaneiro e agosto un 7 % superior á media europea, nos dez anos anteriores foi entre un 12 e un 6 % inferior.
"Que curioso que durante todos estes anos que cobramos un 10 % menos malia ser un país deficitario, a industria non tivo ningún problema... Que casualidade que a competitividade da industria española, que se limitou a gañar cartos só con meter líquido nun cartón e non se puxo a facer produtos con valor engadido, queira descargar a viabilidade económica sobre as explotacións gandeiras que son as que menos base territorial teñen, as que menos axudas reciben da UE e as que máis se modernizan".
O secretario xeral de Unións Agrarias acusa á FENIL de alterar os datos en base a súa política de prezos.
"É alterar o resultado para xustificar que no que vai de ano baixaran unilateralmente sen pactar cos gandeiros tres veces o prezo e están cebando a nova baixada de decembro".
A FENIL advertía que malia os prezos elevados que estaban pagando aos gandeiros non aumentaba a produción de leite. Para Roberto García, a cuestión está relacionada coa inflación e o incremento dos custos de produción.
"Se está caendo a produción non é polos prezos actuais senón porque o incremento dos custos é moi superior".
"En países e comunidades como Galicia, onde temos o 50 % dos gandeiros de toda España e producimos o 40 % do leite, temos que frear esa sangría que supón que cada ano pechan 600 explotacións por falta de proxecto de futuro".