Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidas 25 persoas nos EUA nas protestas universitarias contra a ofensiva en Gaza

Detidas 25 persoas nos EUA nas protestas universitarias contra a ofensiva en Gaza

Tensión nas cerimonias de graduación que se celebran esta fin de semana nalgúns centros americanos

Protesta de estudantes na Universidade de Virxinia Protesta de estudantes na Universidade de Virxinia
G24.gal 05/05/2024 08:15 Última actualización 05/05/2024 10:55

Moitas universidades dos Estados Unidos celebran esta fin de semana as súas cerimonias de graduación no medio da tensión polas protestas a prol de Palestina que no caso da Universidade de Virxinia acabou con 25 persoas detidas.

As autoridades deste centro educativo informaron de que as detencións se produciron este sábado pola tarde tras a incursión de decenas de axentes policiais para desmantelar os campamentos que se levantaron o venres pola noite.

De acordo co diario The Washington Post, os axentes antidisturbios procederon a retirar as tendas de campaña levantadas nos exteriores da capela do campus, na cidade de Charlottesville, e fixérono usando incluso gases.

Tamén este sábado, na Universidade de Michigan, decenas de estudantes interromperon a cerimonia de gradación que se estaba a celebrar no estadio, pero o evento continuou sen ningunha detención.

Medidas preventivas

A Universidade de Indiana estableceu zonas para que o alumnado poida protestar fóra do recinto elixido para a gradación e, segundo a prensa local, a Universidade de Connecticut prohibiu levar carteis e pancartas ás cerimonias e instalou detectores de metais nos accesos.

O venres, a Policía de Denver rexeitou unha solicitude da Universidade de Colorado para que desaloxe o campamento de protesta establecido nun dos seus centros, dado que a considera unha protesta "pacífica".

Noutras universidades públicas e privadas do país, en cambio, foron desaloxados os campamentos alegando que promoven o "antisemitismo", en operativos que deixaron máis de 2.500 estudantes detidos.

O estudantado protesta contra o apoio dos Estados Unidos á ofensiva israelí na Franxa de Gaza e esixen ás universidades que corten calquera relación con institucións vinculadas a Israel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade