Os autónomos queren regular de novo as rebaixas
Os autónomos queren regular de novo as rebaixas
O presidente da Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos di que é a principal causa da perda de competitividade dos negocios
O presidente de UPTA, Eduardo Abad, atribúe a perda de autónomos do último ano ao peche masivo do comercio de proximidade. Nunha entrevista no Galicia por diante, Abad pedíalle ao Goberno que restitúa a regulación dos períodos de rebaixas, liberalizados en 2012, que considera a principal causa da perda de competitividade destes negocios.
"O pequeno comercio vén arrastrando unha situación complexa e complicada desde que se liberalizou totalmente o que son as rebaixas e os períodos de descontos, xa no ano 2012".
Abad referiuse tamén á crise de prezos á que se enfrontan os autónomos, da que culpabiliza as empresas intermediarias.
"Están notando a suba de prezos porque as grandes empresas distribuidoras son as que fan o maior acopio de mercadorías dos produtos frescos e colocan os prezos de orixe moi por riba do que poden asumir para ter unha marxe comercial decente. A orixe está na especulación absolutamente desmesurada das grandes empresas... Sinto contradicir ó señor Garamendi".