Publicador de contidos
Publicador de contidos

Urovesa fai 40 anos como provedora das Forzas Armadas

Urovesa fai 40 anos como provedora das Forzas Armadas

O último modelo da xa célebre plataforma VAMTAC é unha ambulancia blindada e de alta mobilidade táctica da que encargou seis unidades o Ministerio de Defensa

Da nave da empresa en Valga saen cada ano 400 vehículos especiais cara a máis de 30 países do mundo

G24.gal 23/10/2024 11:00 Última actualización 23/10/2024 15:06

A marca do boi milenario, o URO, desta empresa de Santiago, lévana hoxe 10.000 vehículos que transitan en 30 países. Do modelo seu estrela, o VAMTAC, Urovesa é contratista exclusivo do Ministerio e Defensa, para o que fabrican diferentes modelos e blindaxes.

A nova versión desta plataforma todo terreo, cunha capacidade de carga de 1.500 quilos, é unha ambulancia blindada e de alta mobilidade táctica, que encargou este verán o Ministerio de Defensa.

A empresa compostelá, creada no ano 1981, ten agora a súa nave de fabricación en Valga.

Son en total 300 postos de traballo, altamente cualificados, e suman uns 1.500 empregos indirectos, porque son galegos a maioría dos provedores.

Ademais atenden unha ampla demanda do mercado civil e de emerxencias. Fan uns 400 vehículos ao ano, pero en pequenos lotes. 

"O lote medio por tipo de vehículo non supera as oito unidades. Iso quere dicir que a montaxe de cada vehículo é individualizada. Non podemos robotizalo. É completamente manual. Agora mesmo estamos vendo na fábrica unhas nove configuracións diferentes. Á parte das motobombas, estamos fabricando vehículos para Asia Pacífico e para medio orinte, con requisitos de cabina completamente diferentes", explica Justo Sierra, o Presidente e conselleiro delegado de Urovesa.

As motobombas ás que alude son para os nosos servizos forestais e, ao ir na plataforma do VAMTAC, permiten acceder a zonas máis complicadas e en menos tempo.

"A vantaxe de traballar para as Forzas Armadas é que esas tecnoloxías que desenvolvemos para defensa acaban sendo aplicables no ámbito civil", comenta Justo Sierra Presidente e conselleiro delegado de Urovesa.

Para os próximos anos Urovesa asume o desafío de incrementar e diversificar a produción. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos