As inundacións no centro de Europa deixan polo momento cinco persoas mortas
As inundacións no centro de Europa deixan polo momento cinco persoas mortas
Romanía, con catro vítimas mortais, é o país máis afectado
As previsións apuntan a que as chuvias fortes van continuar
O temporal de chuvia que se rexistra desde este sábado en Europa central deixa, de momento, cinco persoas mortas e miles evacuadas. Romanía é o país máis afectado polas inundacións.
A vivenda de Victoria Salceanu é unhas das máis de 5.000 estragadas polas inundacións rexistradas esta fin de semana en Romanía.
"Destruíu todo, non me queda nada, as camas están cheas de lama, non teño onde durmir, nada".
Outra residente di que non ten comida nin roupa e que unha veciña lle regalou un vestido. As fortes chuvias que caen desde o venres anegaron unha vintena de localidades do país.
Os servizos de rescate atoparon os corpos sen vida de catro persoas. Algunhas estaban inmobilizadas na cama e outras fóra, no patio. As autoridades declararon o estado de emerxencia en seis condados do país.
Outra vítima en Polonia
A quinta vítima deste temporal rexistrouse en Polonia, onde case 2.000 persoas tiveron que deixar as súas casas. O primeiro ministro polaco confirmou que o home morreu afogado e que os servizos de emerxencia non puideron acceder ao lugar.
En Austria, as autoridades falan de inundacións históricas. Este domingo declararon zona catastrófica o estado federado da Baixa Austria, o máis grande e poboado do país. Máis de 4.000 bombeiros continúan coas operacións de rescate en edificios e vehículos.
Nunha localidade de Chequia, Pavel conta que isto é peor que en 1997, que a súa casa quedou anegada e non sabe se poderá entrar nela.
A tormenta está afectando a toda Europa Central e Oriental. As previsións apuntan a que as chuvias van continuar e os niveis dos ríos seguirán medrando. Eslovaquia, Hungría e o sur de Alemaña tamén están en alerta.