Veciños da Pontepedriña, en Santiago, reclaman recolocar un parque infantil
Veciños da Pontepedriña, en Santiago, reclaman recolocar un parque infantil
Varios veciños sinalan que se lle está a dar máis relevancia a un parque de mascotas lindeiro
Piden que o recinto infantil non quede tapado polo viaduto polo que circula o tráfico rodado
O concello compostelán defende o proxecto orixinal xa que a cidade conta con poucos parques cubertos
Varios veciños das novas edificacións situadas na Pontepedriña, preto do ensanche compostelán, non acaban de ver cos bos ollos o proxecto de renovación no tocante a construción dun parque lindeiro co viaduto de saída da cidade.
Tal como se recolle no proxecto da xunta de compensación dos promotores das vivendas, xusto debaixo do viaduto está previsto a creación dun parque infantil, outro de mantemento físico e un terceiro dedicado as mascotas. Este último é o causante da controversia, xa que varios veciños considérano innecesario e sinalan que dispón de mellor localización, nunha parcela ao aire libre e solleira, que o parque infantil, tapado e cuberto polo paso elevado destinado ao trafico rodado.
Ademais sinalan que o recinto dos cans linda co portal dalgún edificio co malestar que iso implica, afirman. Con todo, as opinións sobre o proxecto entre os residentes na zona son diversas, e hainos que defenden a necesidade de parques para mascotas como os que consideran inseguros os recintos infantís lindeiros con infraestruturas para o tráfico rodado.
Dende o Concello compostelán aseguran estar ao tanto das reclamacións dos veciños molestos coa localización do parque infantil, pero aseguran que manterán o proxecto orixinal, ao considerar que tecnicamente é moi completo e remarcan que na cidade escasean os parques cubertos así coma as infraestruturas dedicadas ás mascotas.