Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Santiago opóñense á apertura dun casino preto dos centros de ensino

Veciños de Santiago opóñense á apertura dun casino preto dos centros de ensino

Esixen que se lle aplique a actual lei do xogo, que establece unha distancia mínima de 300 metros aos centros de ensino

Piden que se protexa a poboación máis nova da adicción ao xogo

G24.gal 25/08/2024 20:54

Os veciños do Ensanche santiagués rexeitan a apertura dun casino nas proximidades da praza de Vigo. Aseguran que o salón de xogos está a menos de 300 metros de dous centros educativos, que é a distancia mínima que contempla a nova lei do xogo para protexer os menores.

O local destinado ao casino acolleu distintos supermercados ao longo dos anos, e está agora en reformas. O anuncio de apertura provocou a oposición veciñal porque entenden que incumpre a actual lei do xogo, que establece unha distancia mínima aos centros de ensino de 300 metros. 

"Está ao lado dun centro de educación, aquí na praza de Vigo, a uns metros. Hai outro local de xogo na rúa paralela a esta e a aproximadamente 100 metros está o instituto de ensino secundario Eduardo Pondal", explica Xosé Manuel Durán, presidente da asociación de veciños Raigame.

A empresa xa intentou abrir o establecemento noutra rúa de Santiago, pero non foi posible por mor da normativa urbanística municipal. Este novo local non ten as restricións do anterior, e xa recibiu a licenza da Xunta para poder abrir.

"Cremos que alguén na Consellería debería dar explicacións da apertura dun novo centro. Outra cousa sería un centro que xa estivese aberto, que cambia a normativa pero xa está. Pero coa normativa na man, que se aprobou hai un ano, e que se abra  un local destas características é moi rechamante e chega a ser escandaloso", di Durán.

Reclaman que a lei aplicada sexa a vixente no momento de apertura aínda que o permiso se pedise coa normativa anterior. Entenden que a regulación está feita para protexer a xente nova da adicción ao xogo e anuncian que recorrerán no xulgado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade