Publicador de contidos
Publicador de contidos

Vítimas do Terrorismo piden que se paralice a tramitación dunha lei que rebaixaría as condenas de 44 etarras

Vítimas do Terrorismo piden que se paralice a tramitación dunha lei que rebaixaría as condenas de 44 etarras

O texto foi aprobado por unanimidade no Congreso e vótase este martes no Senado

O Goberno pide que continúe a súa tramitación mentres o PP anuncia que fará todo o posible por reverter a reforma

G24.gal 07/10/2024 14:49

A reforma pasou desapercibida polo Congreso. Tratábase de adaptar a lei sobre intercambio de información de antecedentes penais á normativa europea e votaron a favor todos os grupos.

Pero a Asociación de Vítimas do Terrorismo avisou de que, con estes cambios, os etarras poderán descontar as penas que xa cumpriron en Francia. Calculan que 44 presos verían rebaixadas as súas condenas e sete deles quedar en liberdade nuns meses.

Os populares admiten que se tratou dun "erro xeneralizado no que incorreu, por unanimidade, todo o Congreso dos Deputados", en palabras do seu voceiro Borja Sémper.

Non o ve así o Goberno. O ministro de Xustiza está a favor de que continúe a súa tramitación, que ata agora foi "pacífica e totalmente unánime". Félix Bolaños pediu este luns que se deixe traballar as Cortes Xerais nese proxecto de lei "para aplicar unha directiva europea".

O PP xa anunciou que este martes votará en contra da reforma no Senado. Cren que o Goberno lles tendeu unha "trampa", que os "enganou" para meter, pola porta de atrás, unha nova cesión a Bildu, neste caso, cos presos da ETA. A voceira dos abertzales no Congreso, Mertxe Aizpurua, asegurou nunha entrevista en Onda Vasca que "nunca, xamais, en absoluto, nunca entrou o tema dos presos".

O PP asegura que vai facer todo o posible, a nivel xurídico e político, para reverter a reforma. "Este tema tomámolo moi en serio, para nós é crítico e non vai quedar así", dixo Borja Sémper en conferencia de prensa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade