Volve a neve ás zonas de montaña
Volve a neve ás zonas de montaña
Manzaneda amenceu baixo cero e tinguida de branco
A cota seguirá baixando ao longo da tarde pola entrada dunha masa de aire frío
Cando xa estabamos celebrando a primavera, o frío volve facer acto de presenza. A mínima de Galicia foi esta noite na alta montaña.
Rexistrouse en Xares, Trevinca, no teito de Galicia: tres graos baixo cero. E tamén nevou, como en Manzaneda, onde a temperatura mínima foi de dous graos baixo cero e ao longo da mañá apenas subiu dun grao. Con refachos de vento de ata 60 quilómetros por hora, a sensación térmica caeu aquí ata os 8 graos baixo cero.
No resto da provincia tamén baixaron as mínimas, -0,5 en Calvos de Randín, e máis que seguirán caendo pola entrada, esta tarde, dunha masa de aire frío. Tamén seguirá baixando a cota de neve, ata os 700-800 metros, incluso 500 metros de madrugada.
Xa caeron unhas folerpas no Cebreiro e en Trevinca, e para mañá as máximas en toda Galicia non van pasar dos 10 ou 12 graos.