Von der Leyen di en Kíiv que a adhesión de Ucraína á UE "vai por bo camiño"
Von der Leyen di en Kíiv que a adhesión de Ucraína á UE "vai por bo camiño"
A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen chegou este xoves a Kíiv para reunirse co presidente ucraíno Volodimir Zelenski, nunha viaxe en que poderá discutir novas medidas de apoio a Ucraína e a súa integración na Unión Europea.
Esta é a terceira visita da dirixente comunitaria a Ucraína desde o comezo da invasión rusa no febreiro pasado.
“En Kíiv, na miña terceira visita desde o inicio da guerra de Rusia. Cambiaron moitas cousas. Agora, Ucraína é candidata á UE. Falarei con Zelenski e Denis Shmigal sobre a forma de seguir achegando as nosas economías e os nosos pobos, mentres Ucraína avanza cara á adhesión”, publicou Von der Leyen no seu perfil de Twitter.
🇺🇦 In Kyiv, for my 3rd visit since the start of Russia’s war.
— Ursula von der Leyen (@vonderleyen) September 15, 2022
So much has changed.
Ukraine is now a 🇪🇺 candidate.
I’ll discuss with @ZelenskyyUa and @Denys_Shmyhal how to continue getting our economies and people closer while Ukraine progresses towards accession. pic.twitter.com/zs9tMm0Mx1
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asegurou este xoves xunto ao presidente ucraíno que o país ten “encamiñado” o seu proceso de adhesión á Unión Europea.
“Debo dicir que o proceso de adhesión vai por bo camiño. É impresionante ver a velocidade, a determinación e a precisión coa que están a avanzar”, declarou Von der Leyen nunha conferencia de prensa xunto a Zelenski.
Von der Leyen dixo que non é necesario pedir a Ucraína que “acelere” o proceso de integración na UE porque é algo que xa está a facer, pero apuntou que deben seguir traballando por que o país teña “máis negocios, máis ingresos”, para que eventualmente poida integrarse no mercado único comunitario.
A presidenta da CE destacou logros como o poder conectar a Ucraína á rede eléctrica europea en só dúas semanas.
Desde entón, lembrou, Ucraína está a abastecer á UE de electricidade, algo que queren mellorar de forma que o país poida contar con fluxos de ingresos constantes.
Celebrou igualmente que xa non se apliquen aranceis ao 98 % das mercadorías que comercia Ucraína coa UE, pero alertou de que se deben eliminar moitas barreiras non arancelarias que aínda persisten.
Von der Leyen dixo que tamén abordou con Zelenski facer permanente a exención do cargo de sobrecustos por utilizar o móbil en itineraria (“roaming”), así como a situación dos desprazados de fronte ao inverno, para os que a UE xa destinou 150 millóns de euros, mentres que concederá outros 100 millóns para rehabilitar escolas.
Segundo a alemá, ademais, o primeiro tramo dos 5.000 millóns de euros en axudas macrofinanceiras europeas para Ucraína poderá distribuírse a mediados de outubro.
Von der Leyen e Zelenski abordaron tamén a posibilidade de que a UE aprobe novas medidas restritivas contra Rusia e, segundo dixo a presidenta da Comisión: "o traballo sobre as sancións tamén vai polo bo camiño".
"Sempre é importante abordar os detalles cos nosos amigos ucraínos, porque temos que asegurarnos de que non hai físgoas legais", dixo a presidenta do Executivo comunitario.
Respecto da asistencia militar ao Exército ucraíno, Von der Leyen afirmou que "é absolutamente vital e necesario apoiar a Ucraína co equipamento militar que necesitan para defenderse. E demostraron que son capaces de facelo se están ben equipados”.
Neste sentido, Zelenski urxiu a Alemaña e a outros países para acelerar o seu apoio militar.
Outra cuestión que trataron foi a reconstrución a medio e longo prazo de Ucraína, para o que o 25 de outubro celebrarase en Berlín un congreso con expertos de todo o mundo.
“Nunca poderemos compensar o que facedes na vosa loita pola democracia, pola humanidade e polo respecto do estado de dereito internacional”, dixo Von der Leyen a Zelenski, a quen prometeu que a UE estará á beira de Ucraína “o tempo que faga falta”.
Agradeceu ademais que Zelenski a condecorara hoxe coa Primeira Clase da Orde de Yaroslav o Sabio, “honra” que dixo aceptar “en nome de todos os cidadáns da UE”.
A nova visita chega cando o Exército ucraíno está lanzado unha contraofensiva para recuperar o territorio que os rusos ocuparan, especialmente no sur e o leste de Ucraína.