Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xunta e gandeiros ultiman o acordo para as axudas a explotacións afectadas por EHE

Xunta e gandeiros ultiman o acordo para as axudas a explotacións afectadas por EHE

Servirán para compensar as perdas por morte de animais positivos, os custos veterinarios e de desinsectación

Está previsto que o decreto que regulará os criterios e posterior repartición dos fondos se publique a próxima semana

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 20/09/2024 19:25

A Xunta e as organizacións agrarias chegaron este venres a un acordo para garantir axudas a todos os agricultores afectados pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) entre os seus animais tanto en 2023 como ao longo deste ano.

O presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), Francisco Bello, valorou o acordo e destacou que o entendemento entre a administración rexional e as asociacións é "froito do traballo que vén realizando entre ambas as partes desde hai semanas e tamén da vontade de diálogo e a sensibilidade mostrada pola Consellería do Medio Rural coa situación do sector".

"Todos os agricultores afectados recibirán a axuda", reiterou Bello tras saír dunha reunión na que participaron os dirixentes de Asaga, Unións Agrarias e a Consellería do Medio Rural, en San Caetano.

Francisco Bello, presidente de Asaga

As axudas non buscan só contribuír a paliar as perdas por morte de animais positivos, senón que tamén compensarán os custos veterinarios e de desinsectación do gando e das instalacións.

O director de Gandería, José Balseiros puxo en valor que Galicia foi "pioneira" en indemnizar aos gandeiros por animais mortos por EHE, cunha liña de axudas convocada a comezos de 2024 de máis de 200.000 euros.

Estas novas axudas serán "complementarias", polo que os que se beneficiaron xa da primeira liña recibirán un pago compensatorio sobre as que xa cobraron.

Balseiros sinalou que a tramitación está ligada á publicación do Real Decreto que regulará os criterios e posterior repartición dos fondos, previsto para a próxima semana segundo o avance do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Desde a Xunta mostraron as súas queixas ao Ministerio por esta cuestión, que para eles é "clave" para poder avanzar na tramitación interna desde as distintas comunidades.

Segundo indicou Balseiros, as axudas que se concederán na Comunidade tramitaranse directamente, polo que as explotacións afectadas pola EHE non terán que presentar máis documentación, só aceptar a achega.

José Balseiros, director xeral de Gandería

A listaxe de beneficiarios obterase da base de datos do Ministerio de Medio Rural, que inclúe as explotacións que rexistraron casos tanto en 2023 como ao longo deste ano.

Galicia ten notificados focos en 35 comarcas veterinarias: cinco na Coruña, 14 en Ourense, nove en Lugo e sete en Pontevedra.

O número de explotacións positivas confirmadas no laboratorio sitúase en 1.184 e os animais positivos confirmados en 2.822.

A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero 'culicoides spp.'. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade