Publicador de contidos
Publicador de contidos

O rei remata a primeira xornada de consultas sen ningún apoio confirmado para investir a Pedro Sánchez

O rei remata a primeira xornada de consultas sen ningún apoio confirmado para investir a Pedro Sánchez

Yolanda Díaz di que, a día de hoxe, está lonxe o acordo co PSOE para formar un goberno de coalición

Vox e UPN votarán que non; Coalición Canaria e PNV aseguran que aínda non negociaron nada con eles

G24.gal 02/10/2023 18:40 Última actualización 02/10/2023 20:12

Filipe VI pechou con Santiago Abascal a primeira xornada de consultas. Sen sorpresas na negativa do lider de Vox a apoiar unha eventual investidura do candidato socialista.

"Ademais trasladámoslle a nosa preocupación polo prezo colectivo que suporía unha nova investidura de Pedro Sánchez", dixo Abascal á saída da Zarzuela.

Desde Sumar, Yolanda Díaz confirmou que levan dous meses negociando co PSOE o programa dun goberno progresista de coalición, pero afirma que hai escollos sen resolver e que a día de hoxe non hai acordo.

Así o explica Yolanda Díaz: "Nós somos claras ao dicir que queremos gañar dereitos, e o PSOE fala de consolidalos. A día de hoxe o acordo está lonxe".

O PNV e Coalición Canaria están dispostos a negociar o seu voto, pero ambos din que o PSOE non se puxo en contacto con eles.

"Neste momento é que non temos nin negociación aberta", di Cristina Valido, de Coalición Canaria.

Máis claro o ten UPN, que lle comunicou ao rei que votará non a unha eventual investidura de Pedro Sánchez.

Javier Esparza insiste en que "o menos malo para España sería unha repetición electoral".

Os socialistas cataláns abrazan esa posibilidade se Junts e Esquerra insisten en reclamar un referendo.

"Por aí non. O 14 de xaneiro teño plans, pero se hai que cambialos, cámbios", afirma Salvador Illa, primeiro secretario do PSC.

Os republicanos rebaixan agora a urxencia do referendo, e confórmanse con que se fale das condicións para votar a autodeterminación. Para o Partido Popular son manobras de despiste e esixen transparencia máxima nas negociacións.

Elías Bendodo, Coordinador xeral do PP, di: "O referendo non pode ser o cebo para a amnistía, a escusa para a amnistía. Falemos do referendo e deixemos de falar da amnistía que xa está concedida... non, non... por aí non estamos dispostos a pasar nin o PP nin a inmensa maioría dos españois".

O rei despachará este martes con Núñez Feijoo e con Pedro Sánchez. A continuación proporá xa un novo candiato para presidir do Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade