Publicador de contidos
Publicador de contidos

Zelenski, na Eurocámara: "Ucraína será membro da Unión Europea"

Zelenski, na Eurocámara: "Ucraína será membro da Unión Europea"

Na primeira visita do presidente ucraíno á sede lexislativa da UE desde que comezou a guerra, Zelenski asegurou que "Europa é o camiño á casa"

EFE 09/02/2023 08:11 Última actualización 09/02/2023 16:52

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, asegurou este xoves que o seu país "será membro da Unión Europea" e apreciou a "avaliación positiva" das reformas que está a emprender Kíiv ao mesmo tempo que "está a loitar para defenderse" da invasión rusa.

"Por primeira vez na súa historia, a Unión Europea está a achegar asistencia militar a esta enorme escala e vexo unha avaliación positiva das reformas nun país que se está modernizando ao mesmo tempo que está a loitar para defenderse", precisou.

"Estamos a achegarnos á Unión Europea, Ucraína será membro da Unión Europea", dixo Zelenski no medio dos aplausos do pleno extraordinario da Eurocámara convocado este xoves pola súa visita.

Zelenski dixo, ademais, que o seu país ve a Europa como "o camiño á casa" e afirmou que, coa "guerra total" iniciada por Rusia, o Kremlin está a tratar de "aniquilar o modo de vida europeo de Ucraína".

"Para Ucraína, Europa é o camiño a casa. Estou aquí para defender o camiño a casa de todos os ucraínos, de todas as idades, status social e conviccións relixiosas", dixo Zelenski.

Na que é a súa primeira visita en persoa a esta institución desde que comezou a guerra, Zelenski sostivo unha bandeira comunitaria xunto á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e escoitou ao seu lado os himnos de Ucraína e da Unión Europea.

A presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, apoiou a principal petición do presidente ucraíno nesta xira: avións de combate dos países da Unión Europea.

"Agora imponse o pragmatismo, necesitamos armas"

Avanzada a xornada o presidente ucraíno pediu este xoves aos líderes europeos que se impoña o "pragmatismo" e pasen "das palabras aos feitos" entregándolles armas para combater contra Rusia.

"Pode soar impertinente, pero non é cínico, é pragmático. Desde logo, as emocións quedaron mortas sobre o terreo o 24 de febreiro do ano pasado. Agora imponse o pragmatismo. Necesitamos armas", dixo Zelenski nunha conferencia de prensa despois de reunirse en Bruxelas cos líderes da Unión Europea.

Despois de obter en 2022 o status de país candidato a ingresar na UE, o líder ucraíno insistiu no seu desexo de iniciar "este ano" as negociacións de adhesión, coa intención de "motivar" ao Exército do seu país.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, reiterou que "non existe un calendario ríxido" e que se trata dun "proceso baseado nos méritos".

"Así que depende do país candidato, do lonxe que vaian e o rápido que alcancen os obxectivos que se fixen". Con todo, "estaremos ao voso lado en cada paso ata que Ucraína cumpra o seu soño europeo", asegurou Von der Leyen.

A Comisión Europea prepara xa o décimo paquete de sancións contra Rusia e a presidenta do Executivo comunitario asegurou que afectará a "unha serie de líderes políticos e militares" e aos encargados da maquinaria de propaganda do presidente ruso, Vladímir Putin.

Sánchez apela á UE e ante Zelenski a non baixar a presión cara a Rusia

O xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, pediu este xoves aos lideres da Unión Europea e en presenza do presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, manter o apoio unitario e a axuda a este país e continuar a política de sancións contra Rusia.

"Non podemos baixar a presión cara a Rusia", advertiu na súa intervención na reunión extraordinaria do Consello Europeo que contou coa presenza de Zelenski.

Foron sete os líderes europeos que tomaron a palabra no encontro en Bruxelas co presidente ucraíno, e nas súas palabras, segundo informaron fontes españolas, Sánchez fixo fincapé na importancia e a necesidade de manter a unidade da UE e dos aliados no apoio a Ucraína.

Ao pedir que non se baixe a presión cara a Rusia, lembrou que se foron adoptando sucesivos paquetes de sancións e que hai que seguir reforzándoos e cubrindo lagoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade