Zelenski recibe o apoio total da UE no segundo aniversario da guerra
Zelenski recibe o apoio total da UE no segundo aniversario da guerra
Ursula von der Leyen, na compaña doutros líderes, estivo en Kíiv e prometeu axuda sen límite temporal
O presidente de Ucraína dixo que necesita dous anos máis para vencer a Rusia
Tras dous anos de horror con decenas de miles de vítimas e millóns de persoas desprazadas, a capital ucraína foi o escenario dun encontro que simboliza o apoio dos aliados.
Volodimir Zelenski, acompañado por Ursula von der Leyen, a italiana Meloni, o canadense Trudeau e o belga De Croo realizaban unha ofrenda floral ante o Muro dos Caídos. Despois, trasladáronse ao aeroporto de Gostomel, ao norte da capital, símbolo da resistencia nos primeiros días.
"Contamos con vós para unha vitoria común", manifestou o presidente ucraíno, e puxo como horizonte temporal dous anos máis para gañar a guerra.
A presidenta da Unión Europea, Ursula Von de Leyen, prometeu máis armamento e axuda financeira durante "o tempo que sexa necesario". Esa foi a súa expresión literal. De feito, a UE aboará en marzo 4 500 millóns dun novo fondo de axuda. Tamén Trudeau comprometeu unha axuda inminente do Canadá de tres mil millóns de dólares.
Situación na fronte
A situación na fronte é agora extremadamente complicada. Ucraína clama por máis armamento e pide un millón de drons, mentres aumentan as dúbidas polas novas partidas de axuda estadounidense bloqueadas polos republicanos.
As forzas terrestres rusas superan amplamente ás ucraínas e as súas liñas defensivas son cada vez máis inexpugnables. Os expertos falan dunha guerra estática e, dous anos despois, o seu final está lonxe de albiscarse.