Aparece varado nunha praia de Muros un veleiro que naufragou en augas dos EUA

O barco, un catamarán eslovaco, naufragou hai semanas en augas norteamericanas e o seu único tripulante foi rescatado despois preto dos Azores

G24.gal 10/11/2023 09:51

Un veleiro eslovaco apareceu no mediodía deste xoves varado na praia de Area Maior, no concello de Muros.

Trátase dun barco cuxo tripulante foi rescatado tras o seu naufraxio nos Estados Unidos, segundo trasladou o GES de Muros, que desprazou este xoves varios dos seus efectivos para inspeccionar o veleiro, no que se conservan aveños persoais da tripulación.

Segundo parece, tras o naufraxio, e a voz de alarma do seu tripulante, o veleiro quedou sen goberno. Finalmente o ocupante foi rescatado á altura dos Azores por un equipo de salvamento do Canadá, logo de que tamén o intentasen os estadounidenses e os portugueses.

Un veciño que paseaba polo areal muradán deu a voz de aviso no mediodía deste xoves. As primeiras hipóteses apuntan a que o barco estivo ao pairo durante semanas ata tocar terra na costa galega empuxado polos temporais costeiros que se suceden no litoral durante as últimas xornadas.

Axentes da Garda Civil inspeccionaron o interior na busca de documentación e deixaron o barco precintado. Agora están á espera da decisión que tomen as autoridades sobre o seu traslado, xa que o catamarán, de grandes dimensións, é complicado que poida ser movido por terra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade