As imprudencias temerarias causan o 80 % das chamadas ao Servizo de Gardacostas

Desde a Consellería do Mar fan un chamamento a atender as alertas e facer un uso responsable das emerxencias

G24.gal 06/11/2023 13:15

"Recibimos unha chamada dun señor de Castela e León que estaba a ter unha videconferencia cunha señora que estaba na praia de Panxón e unha onda marchou con ela. Mobilizamos todos os medios... e ao final a señora fora para a casa cambiarse porque se mollara", relata o subdirector Xeral de Emerxencias de Galicia.

Aquí calculan que o 80 por cento das chamadas son deste tipo e no mellor dos casos quedan en nada, pero ocupan o servizo e requiren de custo material e humano.

"A nós a mobilización dun helicóptero cústanos 2.260 euros a hora", di Lino Sexto, o subdirector xeral de Gardacostas de Galicia.

Desde a sala de operacións do Servizo de Gardacostas estes días atenderon tamén moitas chamadas de pequenas embarcacións que romperon amarras. E todo se controla desde o local do barrio do Sar de Santiago, onde hai tamén un servizo de recollida de avisos 24 horas.

"Son preto de 30 millóns ao ano os que a Xunta de Galicia, cos seus recursos, cos recursos de todos os galegos e galegas, estamos a facer e a levar adiante, a diferenza doutras comunidades autónomas onde é o Estado quen exerce esta competencia dun xeito exclusivo", dixo Alfonso Villares, o conselleiro do Mar.

O conselleiro reclamou hoxe máis implicación do Goberno central para asumir o custo do servizo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade