Ciarán deixa refachos de máis de 160 km/h, ondas de 10 metros e moita chuvia
Ciarán deixa refachos de máis de 160 km/h, ondas de 10 metros e moita chuvia
A borrasca deixa sen voos o aeroporto da Lavacolla e sen trens as liñas Vigo-Ourense e A Coruña-Ferrol
O aeroporto da Lavacolla en Santiago quedou inoperativo dende as 19 horas. Desviáronse ao vigués de Peinador dous dos vóos que tiñan que aterrar en Compostela e canceláronse outros dous. Tamén se cancelaron dous que tiñan prevista a saída dende Compostela.
Renfe anunciou a interrupción da circulación ferroviaria entre Ourense e Vigo e entre A Coruña e Ferrol polas condicións meteorolóxicas adversas. Modificou os servizos desta pasada noite e da primeira hora de hoxe xoves.
A operadora ferroviaria informou de que estableceu transporte alternativo por estrada.
Estas incidencias no transporte, así como a caída de árbores en rúas e estradas, son as máis destacables das que temos constancia desde a chegada de Ciarán. A borrasca profunda deixou, polo momento, refachos máximos de 166 km/h en Muras e de 160 km/h en Carballeda de Valdeorras.
Caída de árbores
Unha árbore de grandes dimensións caeu sobre unha casa en Oia e afectou a dous coches. As dúas persoas que estaban no interior non sufriron, afortunadamente, dano ningún. É unha das moitas incidencias desta madrugada afectada pola borrasca Ciarán, que deixou, de momento, intensas chuvias e moito vento na maior parte de Galicia.
O forte vento tirou esta madrugada unha árbore sobre a N-547 no concello lucense de Palas de Rei, dificultando a circulación na zona. Tamén na Autoestrada AP9, á altura de Carral en sentido Compostela, e na A52, pouco antes do túnel da Cañiza en dirección O Porriño: nos dous casos ocupando un dos carrís. Hai un carril pechado da A-52, en Melón cara ao Porriño.
En Abegondo, na Coruña, desprendeuse a cuberta da piscina municipal e houbo cortes de luz en varias localidades, por exemplo en Oleiros
Árbores e pólas caeron noutros puntos da rede viaria, sobre todo en estradas locais, en concellos como Val do Dubra. E en cidades como Santiago, Pontevedra ou Vigo: na urbe olívica causaron danos en dous coches, sen que houbese feridos.
En Pontevedra desprendéronse uralitas dalgún edificio e caeron á rúa cristais dalgunha ventá.
Este mércores, o servizo de emerxencias 112 Galicia rexistrara 84 incidencias ata as 18 horas: a maioría (32) relacionadas precisamente coa caída de árbores ou pólas. O resto, coa caída de cables e postes telefónicos ou de electricidade, así como con inundacións en garaxes e vivendas.
Na Coruña, os bombeiros municipais tiveron que saír a balizar unha estada que se estaba movendo polos efectos do vento. Isto ocorreu minutos antes das 17 horas, e no operativo tamén participou a Policía Local.
Chuvia intensa
Nos municipios de Fornelos de Montes, Entrimo e Pedrafita do Cebreiro Meteogalicia rexistrou este mércores acumulacións de chuvia por riba dos 70 l/m2. O récord de choiva rexistrouse no concello ourensán de Beariz, onde se rexistraron 101 litros por metro cadrado.
No día de máis afluencia aos cemiterios, a borrasca Ciarán obrigou a adiantar o peche de moitos camposantos, para sorpresa dos que agardaron á tarde para visitalos. Tamén obrigou a pechar os parques públicos en cidades e vilas. Na Coruña tamén o acceso á Torre de Hércules. Ademais reforzouse a duna de Riazor e retiraron os bancos de pedra en parte do paseo marítimo.
Alerta vermella no mar
No mar, a costa coruñesa leva a peor parte, cunha alerta vermella activa desde esta madrugada. Houbo ondas que superaron os dez metros de altura en Estaca de Bares. No resto do litoral, continúa en vigor o aviso laranxa, con ondas de ata 8 metros. Suspendeuse o transporte marítimo entre Vigo e Cangas.
Ademais, a predición sitúa a cota de neve en 1.000 metros, con acumulacións de ata 5 centímetros.
Extrémase a vixilancia dos ríos ante posibles enchentes e rebordamentos
Os ríos acusan que o mes de outubro foi o segundo máis chuvioso desde que existen rexistros e o seu caudal case triplica o habitual, superando agora mesmo nun 233 % a media histórica. Por iso a Xunta mantén activo desde o pasado 26 de outubro o plan Inungal de seguimento do nivel dos ríos na demarcación hidrográfica Galicia Costa.
O maior volume de auga dos ríos tamén se traduce na maior cantidade de auga que chega aos encoros. Tanto é así, que dos 19 pertencentes á demarcación hidrográfica Galicia Costa, trece xa están por riba do 80 % da capacidade, con algúns deles mesmo ao cen por cento. Con tanta chuvia, na outra conca hidrográfica galega, a do Miño-Sil, o que máis preocupa son as dúas enchentes previstas de aquí ao domingo en Ourense.
O río Miño ao seu paso pola cidade de Lugo xa rebordou as ribeiras debido a intensa chuvia caída nas últimas horas, antes xa da entrada de Ciarán.
Outro tanto está a pasar co río Avia, nos arredores de Ribadavia, que subiu medio metro máis do habitual debido ao alto nivel de precipitacións das últimas semanas: 340 litros por metro cadrado na provincia.
O Avia será un dos ríos que estará baixo vixilancia da confederación hidrográfica Miño-Sil estes días ante o risco de que poida rebordar igual que o Arenteiro, o Arnoia e o Caldo. A confederación avisou de dúas enchentes previstas no que queda de semana: "A punta desa enchente prevese que chegue a Ourense, ao río Miño, na tarde-noite do xoves".
Este mes de outubro foi o segundo máis chuvioso desde que existen rexistros. O caudal dos ríos supera no 233 % a media histórica.
Tamén se reflicte nos encoros. Na conca Galicia Costa a ocupación media supera o 80 %, un vinte por cento máis ca o ano pasado. Na do Miño-Sil só a última semana subiron o 9 %: "Neste momento, atópanse a un nivel do 73 por cento, que son 12 puntos porcentuais por riba da media dun mes de outubro".
A Xunta mantén activo o plan Inungal de seguimento do nivel dos ríos desde os rebordamentos hai uns días en Betanzos, Santiago, Rías Baixas e sur de Pontevedra, ante o risco de que volvan coincidir chuvias, mareas e apertura de encoros como pasou daquela.