Fabiola García: "Pedímoslle ao Goberno lealdade institucional para afrontar a crise migratoria"
Fabiola García: "Pedímoslle ao Goberno lealdade institucional para afrontar a crise migratoria"
A conselleira de Política Social lamenta a falta de información sobre o traslado de 400 migrantes a Galicia
Fabiola García destaca que Galicia é pioneira en dar o primeiro paso cara á universalización dos coidados cos novos bonos para maiores e dependentes
A conselleira de Política Social, Fabiola García, pídelle ao Goberno central que actúe "con lealdade institucional" para afrontar a crise migratoria das Canarias que traerá a Galicia a máis de 400 migrantes. Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, a conselleira lamentou a falta de coordinación e información.
A día de hoxe, segundo explicou, existen moitas dúbidas e incertezas: descoñecen cando chegarán esas persoas á nosa comunidade, como serán trasladadas, en que lugares concretos se van aloxar, se hai cativos que precisan escolarización, ou se son persoas que precisan algún tipo de atención sanitaria: "O único que sabemos é que van chegar 350 persoas a Sanxenxo e 40 a Sobrado. As outras 26 xa están nestes momentos en Galicia".
A conselleira cre pouco razoable que o Goberno estea pechando estas migracións de costas á nosa comunidade, "con escurantismo". Destaca que Galicia actuou sempre con lealdade nos momentos máis críticos, coa acollida por exemplo de refuxiados de Ucraína e Afganistán, por iso demandan a información necesaria para poder tratar estes migrantes que virán á nosa comunidade do mellor xeito posible.
Orzamentos
A conselleira destacou os orzamentos que xestionará a súa consellería o ano que vén, máis de 1.200 millóns de euros. E puxo en valor os novos bonos para axudar no coidado de dependentes e maiores cos que Galicia, destacou "é a única comunidade en dar un paso adiante para a universalización dos coidados".
Fabiola García resalta a posta en marcha do bono de 5 mil euros anuais para axudar no coidado de dependentes que estean nos seus domicilios, ou o bono de 1.200 euros para axudar co pago dun centro residencial. Tamén valorou a tarxeta para os maiores de 65 anos que entre outras cousas lles permitirá viaxar de balde no transporte interurbano de Galicia, e gozar de descontos en establecementos hoteleiros ou viaxes.
A conselleira agarda tamén que a primeiros do ano que vén estean en pleno funcionamento as novas medidas que permitirán reducir os trámites á hora de solicitar unha dependencia.
Financiamento para dependencia
Fabiola García valora que o PSOE e Sumar recollan no seu pacto de goberno inclúan unha estratexia para adaptar a Lei de dependencia e agarda que dunha vez se dea cumprimento ao sistema de financiamento.
A día de hoxe, destacou, Galicia achega o 70 % dos cartos necesarios para financiar a dependencia, e o Goberno o 30 %, cando a lei fixa que ese financiamento debe ser a partes iguais. Son "máis de 2.500 os millóns de euros que o executivo lle debe á nosa comunidade".