Independentistas e Sumar acusan o xuíz que investiga a Puigdemont de tentar "desestabilizar" as negociacións
Independentistas e Sumar acusan o xuíz que investiga a Puigdemont de tentar "desestabilizar" as negociacións
Representantes de ERC, Junts, CUP e os comúns protestaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña
Representantes políticos de ERC, Junts, CUP e os comúns concentráronse este martes ante o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña. Protestaron así contra a decisión do xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón de investigar por terrorismo a Carles Puigdemont, líder de Junts, e a Marta Rovira, de ERC. Implícaos na causa aberta a Tsunami Democratic polos disturbios de 2019.
Para os independentistas, e tamén para os comúns, o xuíz pretende boicotear así a amnistía. Segundo Raquel Sans, voceira de ERC, "isto pon máis en valor o acordo ao que chegamos para a amnistía".
Jaume Asens, negociador de Sumar para a investidura, trátase dunha "escalada máis que ten un obxectivo claro: desestabilizar as negociacións".
O xuíz tamén citou como testemuña o líder de EH Bildu. Arnaldo Otegi tamén considera que "hai sectores do Estado profundo que teñen moito interese en que as cousas non avancen".
Dende o PP piden respecto ás decisións xudiciais. Para Borja Sémper, voceiro da formación, "o respecto á separación de poderes e ao que un xuíz decide é algo inescusable para un político (...) e se alguén cre que este maxistrado cometeu prevaricación, ten que acudir ante os tribunais".
O Goberno en funcións asegura que "respecta todas as decisións xurídicas", pero si critica o Consello Xeral do Poder Xudicial, que finalmente aprobou unha declaración institucional en contra dunha lei de amnistía.
Para Isabel Rodríguez, voceira do executivo en funcións, "non deixa de ser inaudito (...) que se emita un pronunciamento sobre unha norma que non existe, da que descoñecen o seu contido, ...cualifícase por si só".
A declaración saíu adiante con nove votos da maioría conservadora, entre eles, o de Wenceslao Olea. Nunha entrevista en Onda Cero, o vogal asegurou que o CXPX "non pode permanecer en silencio" e que, como xuristas, están "obrigados a poñer de manifesto os problemas que ten a lei".
O presidente interino votou en branco e o sector progresista en contra. Dende a asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia, Edmundo Rodríguez Achútegui considera que a declaración do Consello "prexudica a imaxe de independencia e imparcialidade do poder xudicial porque o involucra nunha batalla partidista".
Na declaración aprobada afírmase que a amnistía "violenta a Constitución" e "supón a degradación, cando non a abolición, do Estado de dereito".