O Goberno británico baixará os impostos a poucos meses das eleccións
O Goberno británico baixará os impostos a poucos meses das eleccións
O plan fiscal británico inclúe a subida do salario mínimo ou a baixada da contribución dos traballadores á Seguridade Social
O ministro de Economía, Jeremy Hunt, presentou no Parlamento británico o paquete de medidas fiscais correspondente á coñecida como Declaración de Outono. As claves son unha rebaixa xeral dos impostos a cidadáns e empresas.
A declaración chega pouco tempo antes das eleccións xerais, previstas para principios do 2024. Inclúe cambios como a baixada en dous puntos, ao 10% a contribución dos traballadores á Seguridade Social (aplicarase a partir do 6 de xaneiro) e o recorte dun punto, chegando ao 8% da Seguridade Social pagada polos autónomos que gañan entre 12,570 e 50.270 libras brutas anuais (entre 14.329 e 57.307 euros)
Ademais, comunican a subida das pensións un 8,5% a partir do mes de abril, o aumento do Crédito Universal en 6,7%, a reforma de subsidios para que as persoas que estean fóra do mercado laboral volvan traballar e as axudas para a vivenda dedicadas á poboación con baixos ingresos.
Destacar tamén o aumento do salario mínimo, que pasará de 10,42 libras á hora (11,8 euros) ata 11,44 libras (13,04 euros) a partir de abril.
Con todo, a oposición laborista afirma que as medidas son só unha forma de enmascarar a subida da presión fiscal no país, un feito confirmado polas proxeccións da Oficina de Responsabilidade Orzamentaria, entidade a cargo de supervisar as contas públicas.
As previsións
O Goberno do conservador Rishi Sunak, pretende así que a inflación diminúa ao 2,8% a finais do ano que vén e que caia ata o 2% no 2025, alcanzando o obxectivo do Banco de Inglaterra. Tamén, que o Produto Interior Bruto (PIB) creza nun 0,6% este ano, un 0,7% no 2024, un 1,4% no 2025, un 1,9% no 2026 e un 2% no 2027.
Por último, engádese a baixada da débeda do país. Actualmente, está no 97,8% do PIB máis, baixará ata o 91,6% do PIB o ano que vén, entre 2024 e 2025 será do 92,7% e entre 2026 e 2027 do 93,2% do PIB.