Morre Matthew Perry, Chandler en ‘Friends’, aos 54 anos

O actor, coñecido polo seu papel na comedia de televisión, apareceu morto no jacuzzi na súa casa dos Ánxeles

G24.gal 29/10/2023 07:59

O actor Matthew Perry, coñecido no mundo enteiro grazas ao seu papel de Chandler Bing, o sarcástico oficinista e noivo de Monica Geller na comedia de televisión Friends, apareceu morto este sábado. A policía dos Ánxeles, California, atopouno afogado no seu jacuzzi . Tiña 54 anos.

O departamento de policía confirmou que está a investigar o falecemento. Segundo filtraron algúns medios, Perry practicou deporte pola mañá, regresou á súa casa -na zona de Pacific Palisades, preto das praias de Malibú- e enviou a súa asistente facer un recado. Foi ela quen o atopou ao regresar un par de horas máis tarde e quen avisou os servizos de emerxencias.

Foi converterse no divertido, irónico, namoradeiro e en ocasións irascible Chandler Bing durante os 234 capítulos que se emitiron de Friends -entre 1994 e 2004- o que lle deu a Perry a fama global con apenas 24 anos, da man dos seus compañeiros Jennifer Aniston, Courteney Cox, Lisa Kudrow, David Schwimmer e Matt LeBlanc.

El xa levaba case unha década no mundo da interpretación, pero foi grazas á serie co que alcanzou un nivel de fama que, de feito, seguiuno perseguindo ata o fin dos seus días. Desde que acabou a ficción, Perry participou nalgúns proxectos menores ou en capítulos soltos de The good wife ou Cougar Town.

Despois de Friends, Perry protagonizou tres proxectos máis de televisión en cadea que resultaron de curta duración: Studio 60 on the Sunset Strip, Mr. Sunshine e Go On.

Ao longo da súa carreira, tamén rexistrou aparicións especiais ou papeis recorrentes noutros exitosos programas de televisión, incluídos The West Wing, Ally McBeal, Scrubs e Beverly Hills, 90210. Os seus créditos cinematográficos inclúen os filmes Fools Rush In, The Whole Nine Yards, Almost Heroes e Three to Tango.

Perry loitou durante anos contra a adicción aos analxésicos e ao alcohol, e asistiu a clínicas de rehabilitación en varias ocasións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar