Calviño presidirá o Banco Europeo de Investimentos

Os ministros de Economía a Unión acordan a designación da vicepresidenta española

Sánchez, obrigado a buscar novo responsable de Economía antes de fin de ano

G24.gal 08/12/2023 10:10 Última actualización 08/12/2023 19:42

Á terceira foi a vencida. Tras quedar ás portas de presidir o FMI e o Eurogrupo, Nadia Calviño logrou o seu obxectivo de dirixir un dos grandes organismos internacionais, o Banco Europeo de Investimentos.

"Confirma o aprecio, o respecto e o liderado de España nos ámbitos europeo e internacional que logramos co duro e intenso traballo destes últimos anos", dixo a vicepresidenta española.
 

Calviño impúxose a outros catro aspirantes, entre elas Margrete Vestager, a vicepresidenta da Comisión. O nome da galega concitou o maior consenso no Ecofin, tal e como confirmaba o ministro belga de Finanzas, encargado de pilotar o proceso.
 

Para Vincent Van Peteghem, "con Nadia teremos unha forte presidenta do BEI, o maior banco de investimento do mundo, e que apoiará as prioridades da Unión Europea".

 

"Terá ademais un papel aínda máis importante no futuro para financiar a transición verde, a reconstrución de Ucraína ou reforzar o papel de Europa no mundo", engadía a propia Calviño.
 

O BEI é o brazo investidor da Unión Europea e o maior prestamista do planeta. Financia proxectos en máis de 160 países do mundo. Calviño será a primeira muller que o presida nos seus 65 anos de historia.

O presidente do Goberno cre que o seu nomeamento reforza a influencia de España nos organismos internacionais. O Partido Popular sumouse á felicitación e ofreceulle máis apoio, dixo, do que seguramente obterá dos seus socios de coalición.

Calviño estreará despacho en Luxemburgo o un de xaneiro. A súa marcha deixa ao executivo sen unha das súas pezas centrais e a Pedro Sánchez obrigado a designar novo ministro de Economía 18 días despois de formar Goberno.

Calviño impúxose na carreira por presidir o banco público da UE á vicepresidenta da Comisión Europea Margrethe Vestager, que deixou o posto temporalmente para participar neste proceso de selección, ao exministro de Finanzas italiano Daniele Franco; e a dous dos actuais vicepresidentes do BEI, a polaca Teresa Czerwińska e o sueco Thomas Östros.

Bélxica levou a cabo consultas durante semanas cos Vinte e sete e finalmente a semana pasada propuxo o nome de Calviño como candidata que podía obter o apoio necesario para facerse co cargo. Esta mañá informou os socios da resposta e constatou que a española contaba con respaldo suficiente.

Para ser elixidos, os aspirantes precisaban o apoio de 18 Estados membros, que representen polo menos o 68 % do capital do BEI. Isto significaba que era necesario polo menos contar co apoio de dous dos tres grandes países, como Francia, Italia e Alemaña, que xa anunciara que apostaba por España.

Remuda obrigada no Goberno de Pedro Sánchez

A vicepresidenta primeira do Goberno español deberá deixar nas próximas semanas o seu cargo no gabinete de Pedro Sánchez, quen xa avanzou en días pasados que xa ten elixida a persoa que a vai substituír

Sánchez admitía que a máis que posible saída de Nadia Calviño do Goberno sería unha "perda enorme" e afirmou que xa tiña pensado quen ía substituír, pero que "aínda" non podía dicilo.  

Este venres, tras coñecerse a noticia, o presidente do Goberno expresaba na rede X (antes Twitter), que a designación de Calviño "é unha magnífica noticia para Europa e un orgullo para España".

Sánchez aseguraba, nunha recente entrevista, que Calviño foi tanto unha colaboradora "moi estreita" ao longo destes últimos cinco anos como "un dos mellores ministros de Economía que España tivo durante estes últimos 40 anos".  

Ante a pregunta de se entre as opcións se atopa o ministro de Transformación Dixital José Luis Escrivá, o presidente do Executivo destacou que, ademais de ser "un reformista, un progresista e un humanista, encántalle a política e é un gran ministro".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade