O desafiuzamento da louseira Irosa-Samaca podería executarse este mércores

O TSXG anula a declaración que facilitaba a expropiación do monte a favor do grupo

Coñecida a sentenza, os comuneiros romperon o preacordo que garantía a continuidade da louseira

 

G24.gal 28/11/2023 20:49 Última actualización 28/11/2023 21:34

Revés xudicial para a continuidade da louseira Irosa-Samanca en Carballeda de Valdeorras. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia volveu dar a razón aos comuneiros sobre a propiedade dos terreos en que se asenta a empresa.

Sentenza do Superior 

O alto tribunal estimou o recurso interposto pola comunidade de montes mancomunados de Portela e Trigal contra a resolución da Xunta que declarou a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, en que se inclúe Lousas Samaca.

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo explica que a normativa non permite que o órgano gobernativo declare a utilidade pública ou interese social de algo "que xa vén realizándose desde hai anos nun espazo, coa finalidade de que se transforme un contrato de arrendamento nun título de propiedade, que é o que aquí sucedeu cando se frustrou a posibilidade de manter aqueles contratos polas codemandadas". 

Dous votos particulares 

A resolución conta con dous votos particulares de dúas maxistradas que consideran que non procede a estimación do recurso. Unha delas entende: "O decisivo é que a lei da minería posibilita acollerse aos beneficios da expropiación forzosa previa declaración de utilidade pública ou interese social". Aoutra maxistrada sinala que os terreos expropiados onde van os establecementos de Irosa e Samaca, son "de beneficio", polo que afirma que "poden perfectamente ser expropiados".

Coñecida a sentenza, os comuneiros romperon o preacordo que garantía a continuidade da louseira. Ese preacordo, aínda sen ratificar, permitía que en caso de perder o litixio a empresa puidera alugar os terreos para seguir coa actividade durante os próximos once anos, prorrogables.

O desafiuzamento, este mércores 

Representantes dos traballadores  confirmaron que o desafiuzamento da louseira está previsto para este mesmo mércores ás nove e media da mañá. Irosa-Samaca dá traballo directo a 250 persoas na comarca de Valdeorras e arredor dun milleiro de xeito indirecto.

Os empregados din que este mércores estarán alí as oito da mañá, a hora en que comeza a súa quenda, e que seguirán traballando coma calquera outro día ata que se produza o desafiuzamento. A empresa, aseguran, ten vontade de negociar, pero a situación, din, é de incerteza e moita inquedanza agora mesmo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos