Renfe prohibirá o acceso de patinetes eléctricos en todos os seus trens

Esta prohibición entrará en vigo o próximo 12 de decembro

Estas medidas tamén se fomentaron en transportes públicos estatais de España e Europa

Os patinetes eléctricos deberán incorporar sistema de freada e indicadores de velocidade a partir do 2027

G24.gal 27/11/2023 19:04

O Consello de Administración de Renfe anunciou que van prohibir o acceso con patinetes eléctricos a todos os trens de viaxeiros, tanto de proximidade e Rexionais como nos de Alta Velocidade e Longa Distancia (AVE, Avlo, Alvia, Avant, Euromed e Intercity).

Esta prohibición entrará en vigo o próximo 12 de decembro, fundamentada pola situación de perigo xerado ante incendios de baterías que se rexistraron nalgúns transportes públicos (por manipulación da batería, danos por golpes, paso do tempo ou utilización de categorías diferentes).

A medida non só afecta aos patinetes eléctricos, senón que tamén aos monociclos ou calquera outro dispositivo de mobilidade persoal eléctrico ou dotado de baterías. As únicas excepcións son os vehículos de persoas con mobilidade reducida e as bicicletas eléctricas.

Renfe defende que a medida foi tomada baseándose en criterios de saúde pública e de seguridade dos viaxeiros, similar a outras producidas en distintas cidades de España e Europa.

Sevilla foi a primeira cidade, en 2021, que impediu que os viaxeiros entrasen ao metro cos seus patinetes eléctricos na hora punta dos días laborais.

No mes de febreiro deste ano, Cataluña prohibiu tanto o acceso aos vehículos como ás propias infraestruturas (estacións de ferrocarrís e plataformas) de transporte público, tras unha explosión dun patinete no servizo de Ferrocarrís da Generalitat de Cataluña (FGC) en novembro de 2022.

Dende o pasado 4 de novembro está prohibido o acceso de patinetes eléctricos ás instalacións e vehículos do transporte público da Comunidade de Madrid, cuxa xestión corresponde ás competencias do Consorcio Rexional de Transportes.

Noutros países, algúns operadores ferroviarios do Reino Unido e Irlanda, tanto no metro de Londres como no de Hamburgo, tamén prohibiron o acceso de patinetes eléctricos aos seus trens.

Unha vez a medida entre en vigor, Renfe poderá obrigar un viaxeiro a abandonar o tren se leva un obxecto, xa sexa equipaxe ou vehículo, que represente un risco para a seguridade e o bo funcionamento do transporte, ou para a seguridade dos demais viaxeiros.

En estacións de proximidade xestionadas por Renfe, informarase da prohibición se se detecta un viaxeiro con patinete eléctrico. Tamén se poderán facer inspeccións aleatorias con interventores e axentes de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade