Situación delicada do deporte base en Viveiro

Ante a falta de subvencións, varios clubs tomaron medidas como o aumento das cotas

Félix Aragunde 28/11/2023 14:15

O deporte base de Viveiro está a pasar por serias dificultades debido á falta de fondos municipais, segundo denuncian diversos clubs. Entre eles, figuran os de piragüismo, baloncesto, balonmán ou rugby, con centos de rapaces de entre 6 e 17 anos nas súas respectivas canteiras.

Ante a redución das axudas, as entidades afectadas tiveron que tomar unha serie de medidas. Entre elas, aumentar as cotas dos socios ou suprimir os desprazamentos en autobús ás competicións.

Óscar Lara, secretario da escola de rugby Astérix de Viveiro: "Este ano queriamos ir en autobús ás concentracións que organiza a federación galega, pero tivemos que suspendelo. Os autobuses dende Viveiro son unha parte moi importante do noso orzamento".

Rosario Otero, secretaria do club de piragüismo de Viveiro: "Temos bastantes competicións. De feito, o ano pasado fomos a campionatos de España e de Galicia. E temos furgóns, pero o gasóleo hai que pagalo, e se tiramos de albergues téñenos que pagar os pais".

No caso dalgúns dos clubs afectados, mesmo periga a súa propia existencia. De chegar a este extremo, levaría aparellado o despedimento dos técnicos.

Alberto Pigueiras, vogal do club de piragüismo de Viveiro: "Temos un adestrador contratado, e a directiva está adiantando cartos do seu peto para pagar as nóminas, algo que non se vai soster moito tempo. Haberá que tomar outras medidas, como cesar a actividade".

Enrique Cabanela, club de pesca deportiva Róbalos da Mariña: "O que non podes facer é espremer particulares, cando un concello pode axudar. A Admninistración pública bótache unha man para algo que é o deporte".

Pola súa parte, dende o Concello de Viveiro sinalan que están a buscar solucións para pagarlles ás entidades deportivas as axudas que este ano non se puideron aboar debido por mor da débeda millonaria que arrastran as arcas locais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade