OPINIÓN

Unha galega na presidencia do Banco da Unión Europea, por Venancio Salcines

G24.gal 11/12/2023 08:09

Son poucas as persoas que coñecen o Banco Europeo de Investimentos (BEI), pero son bastantes as que coñecen o Instituto de Crédito Oficial, o ICO, indico isto porque en certa maneira son o mesmo, de feito o ICO con bastante frecuencia recibe financiamento do BEI, que despois o sistema financeiro traslada ás empresas españolas. Os dous son bancos públicos, un da Unión Europea e o outro do Estado español.

Tamén é posible que vostede non coñeza o nome do presidente do ICO, como non coñecería o do BEI se non fose porque será a nosa vicepresidenta Calviño. Ambas son entidades de crédito, que non de depósito, e loxicamente ambas executan as políticas crediticias dos seus órganos de control, e estas non son políticas comerciais senón políticas económicas de Estado. E aquí empezan algunhas diferenzas, o ICO está vencellado a unha soa cor política, a un ministerio de economía, a un goberno, e o BEI ó seu consello de gobernadores, que está formado polos ministros que designen os estados membros.

Actualmente, o seu obxectivo principal é triplo. Por un lado, financiar aquelas medidas que estean englobadas na axenda económica da Unión Europea, especialmente as vencelladas coa transición ecolóxica, a loita contra o cambio climático e a descarbonización. En segundo lugar, investimentos que desenvolvan a integración económica e a cohesión social das nacións da Unión no marco europeo e, en terceiro e tamén en menor lugar, o fomento das políticas da Unión noutros países. Neste eido, sería previsible que o día que Ucraína alcance a paz con Rusia se fortaleza cunha axenda de recuperación e unha boa parte do financiamento necesario procederá do BEI.

Politicamente, o nomeamento de Nadia Calviño pode verse como un apoio á política económica de Sánchez, o certo é que a vicepresidenta Calviño sempre foi das ministras mais apoiadas do seu goberno e o seu desgaste era menor. Dito isto, unha entidade de crédito como o BEI exerce un papel meramente instrumental, baseado en trasladar, nun marco político aprobado, financiamento ós estados e ó tecido empresarial. Os movementos mais arriscados da súa presidencia deberán estar sempre apoiados polo Consello de Gobernadores, non hai lugar para liderados personalistas. O cal non quere dicir que non debamos estar satisfeitos porque unha galega dirixa a que é posiblemente a entidade financeira multilateral máis importante do mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade