A construción da nova estación de buses de Lugo comezará na primavera
A construción da nova estación de buses de Lugo comezará na primavera
O prazo de execución das obras é de 25 meses
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou que a Xunta de Galicia licitou este luns por 20 millóns de euros as obras da nova estación de autobuses da cidade de Lugo, dentro da futura intermodal, coa intención de que os traballos de construción desta infraestrutura estean en marcha na primavera do próximo ano.
Ethel Vázquez fixo este anuncio no transcurso dunha conferencia de prensa na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, na cal apareceu acompañada polo delegado, Javier Arias.
A conselleira precisou que será unha estación “moderna e accesible”, con 18 dársenas para o transporte interurbano e 5 de regulación, que recibirá a uns 620.000 viaxeiros cada ano. Ademais, a súa localización dentro da propia intermodal permitirá o intercambio de pasaxeiros entre o autobús e o ferrocarril en apenas dous minutos.
A Xunta asume tamén parte da construción dun aparcamento subterráneo de 240 prazas, necesario para a estación de ferrocarril, e financiará case o 40 % do custo desa obra.
As empresas interesadas neste contrato teñen ata o 10 de xaneiro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución das obras é de 25 meses.
A conselleira tamén aproveitou a súa intervención para reivindicar uns servizos ferroviarios que lle dean "auténtico sentido" á construción da intermodal, pois os actuais “non responden as necesidades de mobilidade dos veciños de Lugo, que está moi lonxe dunha conexión real coa alta velocidade” a través de Ourense.
Nese sentido, reclamou “un xiro de 180º do Goberno de España" coas infraestruturas e servizos de comunicación da provincia, con situacións inaceptables como o peche desde hai 2 anos da A-6, a conexión con Santiago “eternizándose e sen avances na autovía Lugo-Ourense".