As abondosas chuvias devólvenlle a bravura á fervenza do Ézaro

Tras un salto de corenta metros de altura, as augas do río Xallas fúndense coas do océano Atlántico neste punto

G24.gal 05/11/2023 13:31 Última actualización 05/11/2023 14:51

As abondosas choivas que acompañaron as borrascas desta semana están a recuperar unha estampa moi desexada por moitos: o río Xallas precipitándose en forma de fervenza no Ézaro, no concello de Dumbría.

Limitada a maior parte do ano polo encoro de Santa Uxía, estes días a fervenza amósase en todo o seu esplendor a propios e estraños, ao abrir o desaugadoiro da auga represada, que nestes momentos alcanza o cen por cento da capacidade do encoro.

Tras o salto de corenta metros de altura, as augas do río Xallas fúndense coas do océano Atlántico aos pés do lendario monte Pindo, presumindo de ser a única fervenza en toda Europa que acaba esmorecendo no mar.

Ademais do marabilloso emprazamento, o Ézaro é un tratado xeolóxico vivente, que ilustra coa súa morfoloxía o que é o nacemento sen completar dunha ría, como as que pincelan a maior parte da xeografía galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade