Prohibición de achegarse a menos de 500 metros e de comunicarse coa vítima para o cuarto investigado pola violación grupal en Sarria
Prohibición de achegarse a menos de 500 metros e de comunicarse coa vítima para o cuarto investigado pola violación grupal en Sarria
É o home identificado pola vítima na súa segunda declaración
Este luns estaba citado a declarar nos xulgados de Sarria o cuarto investigado pola presunta violación grupal denunciada na vila hai unhas semanas. É o home identificado pola vítima na súa segunda declaración. A xuíza acordou deixalo en liberdade coa prohibición de comunicación coa denunciante e a prohibición de achegarse a ela a menos de 500 metros.
Así en total son catro os investigados pola suposta violación grupal denunciada por unha moza de Sarria a finais de setembro. Os feitos acontecerían no baño dun local de copas da localidade, pero a moza denunciouno días despois cando empezou a lembrar o acontecido porque sospeita que foi vítima dalgún tipo de submisión química.
Acudiu entón ao hospital para que lle fixeran probas e activouse o protocolo de agresións sexuais. Tras as primeiras indagacións, foron detidos tres homes. O xuíz decretou o ingreso na prisión de Bonxe de dous deles, duns 30 anos, investigados pola suposta violación, ameazas e revelación de segredos por gravar presuntamente a agresión. Foron excarcerados 10 dias despois. Quedaron en liberdade con medidas cautelares, entre elas, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa denunciante.
O terceiro investigado por presuntamente presenciar os feitos e non evitalos é un home de 48 anos que quedou en liberdade tras declarar ante o xuíz. A instrución do caso segue coa declaración do cuarto investigado.