Alfonso Rueda: "Somos un pobo acolledor, pero precisamos información"
Alfonso Rueda: "Somos un pobo acolledor, pero precisamos información"
Galicia acollerá 400 dos inmigrantes chegados ás Canarias
Os inmigrantes estarán como máximo un mes en Galicia
O Goberno Central tamén busca aloxamentos nos albergues do Camiño
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, defendeu este xoves que Galicia está disposta a colaborar co acollemento dos migrantes procedentes da Illas Canarias, pero pediu do Goberno "máis información".
"Somos un pobo acolledor", dixo o presidente galego na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, pero solitou máis transparencia. Agradeceu a chamada do delegado do Goberno que lle informou da chegada dos migrantes, pero dixo: "Precisamos saber o momento concreto de chegada, medio no que van chegar, unha mínima identificación sobre as persoas que chegan, quen son, que idade teñen, se teñen algún tipo de patoloxía, se houbera menores, que entendemos que non. Necesitamos saber de canto tempo vai ser a estancia, cales son as previsións".
"Para poder colaborar e cumprir coas nosas obrigas, porque hai unha serie de cuestións nas que a Xunta de Galicia terá que intervir", afirmou Rueda, quen asegurou que a administración autonómica "por suposto quere colaborar. Estamos falando dunha emerxencia humanitaria".
En resposta a varias preguntas Rueda tamén observou una "certa descoordinación" nun asunto no que mesmo o aloxamento estaría en interrogantes xa que "extraoficialmente" teñen información de falta de dispoñibilidade para estes días.
"Parece que hai certa descoordinación para que as cousas se fagan ben", manifestou Rueda, quen sostivo que os concellos, especialmente o de Sanxenxo (que vai recibir o groso do grupo que chega a Galicia), municipio que "carecía destes datos".
O problema é que Canarias está nunha situación límite, pero non coñecemos ningún argumento", reiterou Rueda, quen dixo que non se lles pediu polo momento ningunha colaboración económica, na que non entrou tampouco.
"A nós non se nos pediu nada", sinalou o mandatario autonómico, quen lembrou que a Xunta presta determinados servizos e que sería oportuno poder "prever". Tamén para o ámbito educativo, coñecer se chegarán menores. "Coa máxima humanidade posible, non entro en debates económicos", sostivo.
Os inmigrantes estarán como máximo un mes en Galicia
O Goberno en funcións respondeu este xoves á carta enviada pola Xunta e aclarou que os inmigrantes estarán como máximo un mes en Vigo, A Coruña, Sanxenxo e Sobrado. O Executivo de Sánchez tamén agradeceu a dispoñibilidade do goberno galego.
Ademais explicou que os inmigrantes van chegar á nosa comunidade en avións e autobuses e que se trata de homes, maioritariamente adultos, que previamente foron atendidos desde o punto de vista sanitario e social e que non existen necesidades de escolarización.
O Goberno Central tamén busca aloxamentos nos albergues do Camiño
O Goberno Central tamén busca aloxamento en Galicia para os inmigrantes nos albuergues do Camiño de Santiago. Confirmoullo á TVG a asociación galega de albergues privados, Agalber, coa que contactou o Executivo nas últimas horas. A entidade puxo á súa disposición máis de 1.000 prazas en 21 establecementos.
Polo momento o Ministerio aínda non lles confirmou cantas vai necesitar.