Acordo entre Exipto, Hamas e Israel para realizar evacuacións limitadas de Gaza
Acordo entre Exipto, Hamas e Israel para realizar evacuacións limitadas de Gaza
Decenas de ambulancias exipcias cruzaron este mércores o paso fronteirizo de Rafah para trasladar feridos palestinos da Franxa de Gaza para que reciban tratamento en Exipto
Acordo entre Exipto, Hamas e Israel para realizar evacuacións limitadas de Gaza. Un acordo en que mediou Qatar, en coordinación tamén cos Estados Unidos, que vai permitir evacuar a persoas gravemente feridas, titulares de pasaportes estranxeiros, fora da franxa de Gaza. Será a través do cruce fronteirizo de Rafah entre Exipto e Gaza. Aínda non hai información de cando vai ser nin do tempo en que este cruce permanecerá aberto para a evacuación.
Israel admite que bombardeou un campo de refuxiados ao norte da Franxa de Gaza, onde di que matou un comandante de Hamas, pero onde faleceron tamén máis dun cento de civís palestinos. Tanto Naciöns Unidas coma a OTAN pedíronlle hoxe mesura nas súas accións. Por terra, o exército israelí avanza cara a cidade de Gaza polo norte, e prepara unha nova incursión polo sur.
Ibraim Biari, un dos ideólogos do 7 de outubro, era o obxectivo segundo Israel, pero o certo é que o ataque ao centro de refuxiados de Xabalia, moi preto do hospital indonesio de Gaza deixa ducias de mortos e centos de feridos.
Decenas de ambulancias exipcias cruzaron este mércores o paso fronteirizo de Rafah para trasladar a feridos palestinos da Franxa de Gaza para que reciban tratamento en Exipto, por primeira vez desde o inicio dos bombardeos israelís do enclave palestino, informaron testemuñas e medios exipcios.
Canles de televisión exipcios mostran imaxes dunha cola longa doutras ambulancias exipcias fronte á porta do cruzamento de Rafah, que separa entre o territorio exipcio e Gaza, e que teñen previsto entrar hoxe tamén á beira palestina para trasladar a "casos graves".
Esta noite volveron cortarse as comunicacións na franxa e Israel anunciou que ha enviar barcos hospitais para atender feridos. Pola súa banda xa son 11 os mortos estre as tropas hebreas, 9 deles morreron nun tanque alcanzado por un mísil.
Foi outra noite de bombardeos e tiros en Cisxordania, que continúan arestora. En Yenin hai polo menos dous mortos, e segundo fontes locais agora mesmo as forzas israelís están rodeando a casa do secretario xeral de Al-Fatá, o partido de Mahmud Abbas, nese campo de refuxiados de Yenin.
No eido internacional xa son tres, Bolivia Chile e Colombia, os países latinoamericanos que cortaron relacións diplomáticas con Israel.