Italia auga a festa española en Pontevedra (2-3)

As italianas remontaron nun segundo tempo en que as campioas do mundo cometeron moitos erros

No vestiario, as xogadoras coñeceron a derrota de Suecia e que xa estaban clasificadas para a Liga das Nacións

G24.gal 01/12/2023 22:54 Última actualización 01/12/2023 23:23

Agardábase unha gran festa no campo pontevedrés de Pasarón que recibía con entusiasmo ás campioas do mundo. Pero o resultado arrefriou un pouco os ánimos porque Italia levou o triunfo contra prognóstico por 1-3.

Todo ten unha explicación e este sorprendente resultado pode atoparse en que no tempo de lecer, cando gañaban as españolas por 1-0, tiveron coñecemento da derrota de Suecia que as clasificaba matematicamente para as semifinais da Liga das Nacións, o torneo clasificatorio para os Xogos Olímpicos de París. 

Ata ese intre o dominio de España fora total, co gol marcado pola exdeportivista Athenea del Castillo no minuto 12. A partir do descanso todo foi un despropósito. Aitana Bonmatí, a mellor xogadora do mundo, quedou no vestiario e a selección tardou máis do previsto en facer o troco. Iso aproveitouno Italia para empatar cun gol de Giacinti.

No minuto 65 Italia marcou outros dous goles grazas ao acerto de Cambiaghi e Linari. A pontevedresa Tere Abelleira botouse o equipo ás costas e tivo a mellor ocasión pero o seu remate estrelouse contra o traveseiro. Un pase seu aproveitouno Esther González para recortar diferenzas no 76. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos