A selección de Miguel Méndez chega a cuartos como primeira de grupo
A selección de Miguel Méndez chega a cuartos como primeira de grupo
Derrotou a Serbia por 70-62 no mellor partido da primeira fase
A selección feminina de baloncesto xa está nos cuartos de final despois de sumar un pleno de triunfos na primeira fase. Tiña a clasificación no peto pero a posición que ocupara era fundamental para evitar aos Estados Unidos no primeiro cruce, algo que acadou.
Contra Serbia, tamén con dúas vitorias, completaron o mellor partido do campionato. A vitoria por 70-62 non reflicte a superioridade que amosaron as españolas que gañaban por dezaoito puntos de marxe a catro minutos do final. Serbia arriscou en defensa nos últimos intres e maquillou o resultado.
O primeiro cuarto resultou igualado pero xa no segundo comezou a marcar diferenzas o ataque español. María Conde estivo moi acertada dando a remuda a Leo Rodríguez e Megan Gustafson, que estiveron a un nivel peor con relación ás dúas primeiras xornadas. Ao descanso o resultado era de 28-37.
Un parcial de 9-0 na saída do terceiro cuarto acabou por sentenciar o encontro. Paula Ginzo sumouse á festa con 8 puntos en 18 minutos, a mellor actuación individual no que levamos de torneo, e María Araújo non desentoou con 3 puntos e un bo traballo en defensa.