Denuncian dous ataques israelís a un campo de refuxiados con máis de 80 mortos
Denuncian dous ataques israelís a un campo de refuxiados con máis de 80 mortos
O hospital Al Shifa, o máis grande da Faixa, evacúa a maioría de pacientes ante os ataques reiterados
O Ministerio de Sanidade palestino eleva a máis de 16.000 o número de vítimas mortais en Gaza
En Gaza denunciaron a morte nas últimas horas de máis de 80 persoas en dous ataques de Israel ao maior campo de refuxiados da Faixa. Aseguran que un dos obxectivos foi unha escola administrada pola ONU que albergaba desprazados pola guerra e afirman que a maior parte dos finados son nenos e mulleres.
Un novo ataque nunha zona residencial do sur de Gaza, en Jan Yunis, deixou polo menos 26 persoas mortas, boa parte delas menores, e máis de 20 feridas.
O Goberno israelí recomendoulle nas últimas horas á poboación desta cidade (400.000 residentes e milleiros que fuxiron da ofensiva militar no norte) que se desprace agora ás zonas de axuda humanitaria.
O exército manifestou a súa intención de estender a operación militar cara ao sur e de atacar posicións nesta localidade, que xa fora bombardeada antes. Tamén no sur, outro bombardeo en Deir Al Balah deixa seis vítimas mortais.
O director xeral da OMS, Tedros Adhanom, advertiu nunha reunión da ONU que non van participar en ningunha proposta unilateral para crear "zonas seguras" na Faixa, ao considerar que amorear persoas en espazos precarios non é seguro e provocaría unha perda de vidas a grande escala.
Despois de tres días sen entrar axuda humanitaria, a Axencia da ONU para persoas Refuxiadas Palestinas anunciou que as autoridades israelís permitirán o acceso desde este sábado de 60.000 litros de combustible diario desde Exipto para poder distribuír alimentación e fornecer hospitais.
Evacuación do hospital Al Shifa
No norte, a maioría do persoal sanitario e os pacientes do hospital Al Shifa que quedaban dentro das instalacións abandonaron o centro rodeados polos tanques, obrigados, segundo din, polas forzas de ocupación de Israel.
Dentro quedan uns 120 pacientes en coidados intensivos ou incubadoras. O exército asegura que non deu un ultimato para a evacuación e que habilitou unha ruta segura para que saian, igual que fixo cos habitantes doutros tres barrios da cidade de Gaza.
Vítimas mortais
A cifra de vítimas mortais, que levaba sen actualizar desde o xoves, sobe a máis de 16.000 e o Ministerio de Sanidade palestino advirte que hai polo menos 3.500 persoas máis debaixo dos cascallos.
Os ataques israelís continúan non só na Faixa. Esta madrugada deixa 5 vítimas palestinas en Cisxordania, no campo de refuxiados de Balata. Desde o inicio da guerra morreron a mans das forzas de defensa de Israel 186 palestinos (51 menores) neste territorio.
Mentres, as familias dos reféns israelís chegarán este sábado a Xerusalén na súa marcha pola liberación das persoas secuestradas.