O Supremo desestima a suspensión do pleno de investidura de Sánchez pedido por Vox
O Supremo desestima a suspensión do pleno de investidura de Sánchez pedido por Vox
Di que non hai lugar á medida cautelar interesada ao non existiren elementos que xustifiquen a procedencia de suspensión do acto parlamentario
O Tribunal Supremo rexeitou a petición de Vox de paralizar o debate de investidura mentres estuda se admite a trámite a querela que presentou a formación contra o presidente en funcións Pedro Sánchez, o expresidente catalán fuxido Carles Puigdemont, o PSOE e Junts pola suposta comisión dos delitos de suborno, encubrimento ou colaboración de terrorismo, usurpación de funcións do Poder Xudicial e negociacións prohibidas a funcionarios públicos, no marco das negociacións para a investidura.
A Sala do Penal adoptou esta decisión "ao non existiren elementos que xustifiquen a procedencia de suspensión do acto parlamentario dirixido á investidura do presidente do Goberno". O alto tribunal pronúnciase así despois de que o partido presentase onte a súa querela de 97 de folios, en que solicitaba como medida cautelarísima a suspensión do debate de investidura fixado para este mércores e xoves no Congreso dos Deputados.
O Supremo ditou unha providencia en que designa como relator o maxistrado Eduardo de Porres e dá un prazo de cinco días a Vox para que achegue poder especial en que conste contra quen vai dirixida a querela e o delito. Na súa querela presentada onte, Vox asegura que era pertinente paralizar o debate de investidura de Pedro Sánchez porque lle resulta "evidente" que "se non se coñece con exactitude a maneira en que se executará o contido do acordo" do PSOE con Junts que inclúe a lei para amnistiar unha década do procés "non poderá evitarse que se obteña a súa finalidade".
No partido din que a dita lei de amnistía supoñerá unha "intromisión nas funcións constitucionais de xuíces e tribunais, vulneración da igualdade dos españois ante a lei" e "vulneración da tutela xudicial efectiva". Así as cousas, a formación incide en que está "en perigo" o sistema democrático e que, por iso, non hai "nada máis urxente que adoptar as medidas propostas". E subliña que en caso de suspenderse o debate "ningún prexuízo sufrirá o Estado de Dereito e a democracia pois en todo caso a consecuencia será chamar de novo ás urnas o pobo español". Agora, tras rexeitar paralizar de forma cautelar a investidura, queda pendente que o Supremo se pronuncie sobre a admisión a trámite da querela