Os pais denuncian o abandono dos accesos á gardería de Bouzas
Os pais denuncian o abandono dos accesos á gardería de Bouzas
Xa reclamaron ao Concello sinais, pasos de peóns, lámpadas e que poden as árbores
Fochancas, pólas que caen, beirarrúas intransitables... Os pais da Escola Infantil de Bouzas quéixanse da falta de mantemento dos accesos ao centro e as reclamacións multiplícanse. Moitos xa puxeron varias reclamacións no Concello de Vigo pola falta de mantemento da contorna. Quéixanse dos accesos, cheos de fochancas, que dificultan o paso de coches e carros de bebés. Tamén denuncian a caída continua de pólas no acceso á gardería e falta de luz na estrada de acceso á mesma. Xa caeron varios nenos por mor das fochancas e temen que a situación empeore conforme avance o inverno.
"A estrada está chea de fochancas, para ir cos pequenos no coche van abaneándose un montón, as beirarrúas están cheas de follas e pólas. E iso que agora levamos uns días sen temporal, pero cando o hai é imposible o acceso cun carriño. Tamén no acceso á escola faría falta un paso de peóns. Nesta escola hai nenos moi pequenos e familias que veñen con dous ou tres nenos e que non son independentes para cruzar", conta Cristina Sueiro, que leva a esta gardería o seu bebé. Outra nai, Rocío Pereira salienta que son "catro cousas graves, non estamos falando dunha decoración de Nadal ou de poñer isto bonito. Estamos falando da seguridade dos nosos nenos".
Os pais consideran que fan falta unha serie de actuacións sinxelas de levar a cabo polo Concello, como sinalizar a zona, poñer unha lámpada ou podar as árbores para que non haxa accidentes. Como din Cristina, "ata que non chegas case á porta da escola, non hai luz ningunha. Pola mañá, que vés moi cedo e está todo escuro, os que veñen andando case non ven para entrar. Un foco para iluminar a entrada nun sitio en que hai tantos nenos pequenos penso que é moi necesario". "Outro problema é que non está regulada a hora de aparcar, ti podes facelo tanto do lado dereito como do esquerdo. Se sucede calquera cousa, Deus non o queira, se ten que entrar unha ambulancia, por onde entra?", engade Rocío.
O que todos reclaman é seguridade na contorna da gardería para que levar e recoller os cativos non sexa unha auténtica xincana.