Un tremor de magnitude 6,4 deixa polo menos 157 vítimas mortais no Nepal
Un tremor de magnitude 6,4 deixa polo menos 157 vítimas mortais no Nepal
As operacións de rescate continúan e hai centos de vivendas danadas
As zonas máis afectadas son montañosas e de difícil acceso por estrada
Polo menos 157 persoas morreron e 185 quedaron feridas tras o tremor rexistrado no oeste do Nepal. Segundo o Centro Nacional de Investigación de terremotos, tiña unha magnitude de 6,4 pero o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos rebaixouna a 5,6.
Segundo informa o portavoz do Exército nepalí, Krishna Prasad Bhandari, as operacións de rescate continúan e hai centos de vivendas danadas polo que se agarda un aumento no número de vítimas.
O sismo afectou sobre todo as rexións de Jajarkot e Rukum Occidental. Ambas as dúas zonas caracterízanse polo seu carácter montañoso e polo seu difícil acceso por estrada.
O Nepal atópase entre os países máis propensos a desastres naturais e conta cunha poboación moi vulnerable, maiormente pobre, ademais de carecer de infraestrutura suficiente para facer fronte a inundacións ou terremotos.
Exposta a terremotos
De acordo coa Asociación Asiática de Preparación (APP), unha alianza creada para coordinar a resposta a emerxencias entre países asiáticos, Katmandú é a capital nacional exposta ao maior risco de terremotos de 21 megacidades de todo o mundo.
O 25 de abril de 2015, un terremoto de magnitude 7,8 sacudiu O Nepal derrubando edificios de varios pisos en Katmandú e provocando desprendementos de terra e avalanchas nas montañas. Case 9.000 persoas morreron e máis de 22.000 resultaron feridas.
Aquela catástrofe deixou, ademais, centos de miles de persoas sen fogar e causou danos valorados en preto de 6.470 millóns de euros. Más de sete anos despois do sismo, os labores de reconstrución aínda non finalizaron.