Sánchez reivindica en Berlín os principios socialistas ante un futuro "incerto"

O presidente do Goberno reuniuse co chanceler, Olaf Scholz, e participou no Congreso do Partido Socialdemócrata de Alemaña

Coas eleccións europeas de fondo, advertiu do "dilema existencial" de Europa "entre progreso ou extrema dereita"

G24.gal 09/12/2023 20:31 Última actualización 09/12/2023 20:47

O presidente do Goberno reuniuse este sábado co chanceler alemán, Olaf Scholz. O encontro celebrouse en Berlín, na recta final da presidencia española do Consello da Unión Europea, que remata o 31 de decembro.

Os dous mandatarios trataron diversos asuntos das relacións bilaterais, cuestións como a migración e os orzamentos europeos. Na axenda tamén figuraban aspectos da situación internacional, como o conflito entre Israel e Hamás e a guerra en Ucraína.

A reunión producíase pouco antes de que Pedro Sánchez participara no Congreso do Partido Socialdemócrata de Alemaña. Alí Sánchez, coas eleccións europeas de fondo, reivindicou os principios socialistas ante un futuro "incerto" e un "dilema existencial", dixo, "entre progreso ou extrema dereita".

"Isto é o que está en xogo, aquí e agora. Ou a democracia proporciona seguridade ou a inseguridade porá en perigo a supervivencia da democracia. Ou enfrontamos toda esta enorme transformación, a transformación dixital con xustiza social, ou a prosperidade decaerá. Ou Europa avanza ou Europa regresa ao pasado", di Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade