Stellantis cre que o convenio equilibra as demandas do persoal coas necesidades da planta de Vigo

O acordo, vixente entre o 2024 e o 2027, foi asinado polos sindicatos SIT-FSI, UXT e CCOO e rexeitado pola CUT

O grupo automobilístico comprometeuse a incluír a planta de Balaídos na liña de produción de vehículos eléctricos

Momento da sinatura do convenio de Stellantis (EFE/Salvador Sas) Momento da sinatura do convenio de Stellantis (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 28/11/2023 18:08 Última actualización 28/11/2023 23:42

A dirección da fábrica de Stellantis en Balaídos fixo público un comunicado en que defende o novo convenio colectivo asinado este martes e que regulará as condicións de seis mil traballadores.

O acordo, vixente entre o 2024 e o 2027 e subscrito polos sindicatos SIT-FSI, UXT e CCOO que conforman o 91 % da representación social, equilibra, segundo os responsables da fábrica viguesa, as demandas dos traballadores e as necesidades da empresa.

A dirección de Stellantis en Vigo engade que o convenio, que non foi asinado pola CUT que representa ao 9 % dos traballadores, permite acadar "un punto de equilibrio razoable entre a lexítima demanda da representación social para mellorar as condicións económicas e sociais do persoal e as necesidades que ten a empresa para seguir sendo competitiva e robustecer o seu plan industrial nos próximos anos".

O grupo automobilístico comprometeuse a incluír a planta de Balaídos na liña de produción de vehículos eléctricos, cuxo lanzamento está previsto para o período 2027-2028, aínda que, se non se materializase, calquera dos asinantes podería solicitar a renegociación do convenio colectivo.

No documento, a suba de retribucións inclúe unha parte fixa ligada á evolución do índice de prezos IPC e unha parte variable vencellada aos obxectivos de Stellantis, cuxo importe medio nos últimos anos representou un montante superior a unha paga extra, segundo a dirección da fábrica.

Durante a vixencia do convenio están garantidos 200 novos contratos indefinidos e a evolución doutros 800.

O acordo inclúe tamén medidas para mellorar globalmente as condicións de traballo e a conciliación da vida laboral e familiar mediante permisos retribuídos, novas axudas sociais ou unha ampliación de medidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade