Lorenzana: "A Oficina Económica de Galicia pretende facilitar ás empresas o contacto coa Administración"
Lorenzana: "A Oficina Económica de Galicia pretende facilitar ás empresas o contacto coa Administración"
Lorenzana: "A Oficina Económica de Galicia pretende facilitar ás empresas o contacto coa Administración"
A conselleira de Economía asegura que, desde abril, a oficina atendeu máis de 7.000 consultas e 354 proxectos
María Jesús Lorenzana critica a postura do PSdG sobre Altri: "O técnico Besteiro parece que está vendido a Moncloa e decidiu tirar a toalla por Galicia"
"Facilitar ás empresas o contacto coa Administración". Este é, segundo a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o principal obxectivo da nova Oficina Económica de Galicia, un organismo creado na Lei de acompañamento dos presupostos e coordinado desde o Igape que busca atender calquera consulta que fagan as empresas galegas.
A Oficina comezou a funcionar e abril, e desde entón, segundo Lorenzana, atendéronse 354 proxectos e "máis de 7.000 consultas, que se resolven case de inmediato".
Segundo explicou a conselleira esta mañá no Bos días, "é unha nova maneira de tentar de desafacer o que fixemos mal tódalas admistracións; trátase de cambiar esa relación coa empresa e coñecer as súas necesidades" á hora de deseñar as políticas públicas do Goberno.
"No Goberno da Xunta somos comerciais de Galicia, pero Besteiro é o comercial de Sánchez e Pontón a comercial da UPG"
Na entrevista no Bos días, a conselleira criticou a postura do PSdeG sobre Altri. Nas últimas horas, o líder dos socialistas galegos puxo en dúbida que o proxecto de Palas de Rei encaixe nos parámetros ambientais que fixa Europa e pensa que, por iso, non poderá recibir axudas do Goberno.
María Jesús Lorenzana afirma que "resulta bochornoso o técnico Besteiro". Indicou que "todos os baróns socialistas están suxeitos a un réxime ditatorial que establece Pedro Sánchez" e engade que o secretario xeral dos socialistas galegos "parece que está vendido á Moncloa e decidiu tirar a toalla por Galicia".
"Estásenos dicindo que somos comerciais das empresas. No Goberno da Xunta somos comerciais de Galicia. Nós defendemos Galicia, pero Besteiro é o comercial de Sánchez e Pontón a comercial da UPG".
Lorenzana acusa a Sánchez de "castigar Galicia" e teme que a postura defendida polos socialistas sobre Altri acabe poñendo en risco o proxecto e tamén "o emprego de Galicia dos próximos dez ou vinte anos".
A conselleira referiuse tamén á decisión do TSXG de decretar a suspensión cautelar de 7 parques eólicos por posibles danos ambientais. María Jesús Lorenzana cre que é "coherente" coa expresada en resolucións anteriores e agarda agora que o Tribunal Supremo resolva as casacións presentadas pola Xunta.
A titular de economía lamenta cre que "é unha pena que o PSdeG e o BNG non se sumen á Lei de recursos naturais" que o Parlamento prevé aprobar este mesmo ano e que pretende aproveitar os recursos naturais de Galicia de xeito sostible.
Ao preguntarlle pola reunión deste venres entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, Lorenzana lembrou que o executivo galego defende que "tódalas comunidades autónomas necesitan máis financiamento" e agarda que "non se rompa o principio de solidariedade que está na Constitución".