Publicador de contidos
Publicador de contidos

O CXPX defende os xuíces dos ataques do Ministerio de Igualdade: "Aplican a lei"

O CXPX defende os xuíces dos ataques do Ministerio de Igualdade: "Aplican a lei"

G24.gal 16/11/2022 16:02 Última actualización 16/11/2022 16:41

O Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) expresou a súa "máis firme repulsa" aos "intolerables ataques" vertidos contra os xuíces que están a revisar condenas por delitos sexuais en aplicación da coñecida como Lei do só si é si, e defendeu que os maxistrados unicamente están a aplicar a norma.

A Comisión Permanente do órgano de goberno dos xuíces sae así ao paso das críticas por parte de diferentes dirixentes do Ministerio de Igualdade, que achacaron a revisión á baixa de condenas a agresores sexuais a interpretacións machistas da lei por parte dos maxistrados.

O CXPX afirma que "este tipo de actuacións" por parte de algúns responsables políticos minan a confianza das vítimas nas administracións e, en concreto, na xustiza, "aumentando a súa desprotección".

O Consello sinala no seu comunicado que tanto a Constitución como o Código Penal recollen a aplicación da norma máis favorable e que esta última lei establece o "efecto retroactivo" daquelas leis penais que favorezan o condenado.

A resolucións xudiciais que se coñeceron nos últimos días e que rebaixan as condenas a agresores sexuais son o resultado da "aplicación estrita destes preceptos por parte dos membros do poder xudicial, sometidos unicamente ao imperio da lei", di a nota.

E lembra ademais que o CXPX xa advertiu no seu informe contrario ao anteproxecto que o cadro de penas contemplado para os delitos de agresións sexuais "supoñía unha redución do límite máximo dalgunhas penas" e avisou ademais de que "a redución dos límites máximos das penas comportará a revisión daquelas condenas en que se impuxeron as penas máximas conforme á lexislación vixente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade