Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Cantareira' é a Palabra do Ano 2024

'Cantareira' é a Palabra do Ano 2024

Foi escollida por votación popular na iniciativa promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié

O termo designa as protagonistas do Día dás Letras Galegas 2025

Fonte: Real Academia Galega
G24.gal 27/12/2024 10:45 Última actualización 27/12/2024 10:56

'Cantareira' foi elixida por votación popular como Palabra do Ano 2024 na iniciativa realizada pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié.

A RAG anunciou este venres a palabra gañadora, que é 'cantareira', un termo que designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, que estará dedicado á poesía popular e ás mulleres que cantan.

'Cantareira' logrou o 25 % dos votos rexistrados, deixando por detrás a 'Meu, miña', 'fala', 'aparvar(se)', 'dina' e 'emerxencia climática'.

Na primeira acepción do dicionario, a Palabra do Ano 2024 define á persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos 'cantadeiro', 'cantador' e 'cantaruxeiro'. Como adxectivo, 'cantareira' dise dunha persoa que "emite un son agradable e melodioso'. Con todo, neste caso refírese á forma substantivada, que se aplica á muller que canta cancións populares.

Foi o pasado mes de xullo cando se anunciou que o 17 de maio de 2025 estaría dedicado ao cancioneiro popular galego e ás mulleres que o mantiveron vivo, como as cantareiras de Cerceda (A Coruña) Adolfina e Rosa Casás Rama, a pandeireteira de Muxía (A Coruña) Eva Castiñeira e as pandeireteiras de Mens (Malpica, A Coruña), que son Prudencia Garrido, Asunción Garrido e Manuela Lema. E agora, grazas á votación popular, 'cantareira' convértese tamén na Palabra do Ano 2024.

O concurso forma parte do Portal das Palabras, un proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación do galego, con xogos e outros contidos. Desde 2014, esta iniciativa convida os usuarios a participar na elección da Palabra do Ano.

Nas edicións anteriores foron elixidas 'cibercarracho' (2023), 'comadre' (2022), 'tanxugueiras' (2021), 'nós' (2020), 'sentidiño' (2019), 'deseucaliptización' (2018), 'afouteza' (2017), 'irmandade' (2016) –coincidindo co centenario das Irmandades da Fala–, 'refuxiado/a' (2015) e 'corrupción' (2014).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade