Abre o prazo de propostas para escoller a Palabra do Ano de 2024
Abre o prazo de propostas para escoller a Palabra do Ano de 2024
Pódense facer achegas ata o vindeiro 8 de decembro
Das suxestións sairán as palabras finalistas que despois irán á votación popular
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abriron xa a nova campaña para escoller a palabra máis destacada deste 2024, pero a cousa non é tarefa sinxela. A iniciativa lévase a cabo a través do Portal das Palabras, a onde se poden enviar propostas ata o vindeiro 8 de decembro. Detrás de cada palabra pode haber historias persoais.
Hai quen bota man de clásicos galegos con palabras coma morriña ou enxebre. Outros tiran de reivindicacións e piden tolerancia e non as guerras. Tampouco faltan alusións á política con palabras coma corrupción ou crise. Pero tamén hai quen á mente só lle veñen palabras positivas como felicidade, paz ou harmonía.
Á hora de suxerir palabras tampouco falta a actualidade e conceptos coma o de DINA. Cibercarracho, tanxugueiras ou sentidiño foron as escollidas nos últimos anos. Das suxestións achegadas agora sairán as palabras finalistas, que despois irán a votación popular para escoller un termo que defina este 2024.