Na UDC investigan solucións tecnolóxicas para mellorar a autonomía das persoas con discapacidade
Na UDC investigan solucións tecnolóxicas para mellorar a autonomía das persoas con discapacidade
Os investigadores tratan de desenvolver solucións a problemas cotiáns
A Universidade da Coruña acolle estes días un encontro europeo en que se están a formular solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.
O traballo de investigación parte da escoita das experiencias vividas polas persoas con discapacidade como Jose, usuario de cadeira de rodas: "Eu propoñía unha especie de caixa pregable para poder facer a compra nos supermercados sen ter que poñer todo enriba das pernas".
Por equipos, o persoal investigador trata de desenvolver solucións tecnolóxicas a problemas cotiáns de persoas con discapacidade. "Outro dos retos é un abrelatas para unha persoa que só poida facer uso dunha parte do seu corpo, ver que solución se lle pode dar e amais para poder coar o líquido desa lata", explica Carmen Miranda, profesora da Facultade de Ciencias da Saúde da UDC.
Batenia Groba, profesora e investigadora do CITIC, engade que "participan desde enxeñeiros en Informática ou Biotecnoloxía ata perfís sociais como son de Terapia Ocupacional ou Educación Social e tamén persoas con discapacidade".
Segundo Beatriz Martínez, da Confederación Española de Persoas con Discapacidade (COCEMFE), do que se trata é de que "non só as persoas con discapacidade na promoción de ideas innovadoras senón que tamén sexan parte da solución".
Este proxecto é un dos que desenvolve o Centro de Innovación Tecnolóxica da Universidade da Coruña: o CITIC, que traballa amais no eido da IA e a robótica. "Estamos a traballar nun robot que fai acompañamento das persoas con discapacidade. Polas mañás teñen unha conversa empregando os últimos algoritmos de IA para que se sintan máis acompañados".
Lituania, Bélxica e Eslovaquia están presentes no encontro europeo que se celebra estes días no Campus de Elviña da UDC. De Galicia, Cogami e Aspace Coruña participan como entidades asociadas.