"Galegos sen fronteiras", de 20 países, fan en Mazarelos o curso de lingua e cultura da RAG
"Galegos sen fronteiras", de 20 países, fan en Mazarelos o curso de lingua e cultura da RAG
A vella Facultade de Filosofía e letras acolle desde hoxe os 50 alumnos do curso de lingua e cultura galegas, que xa vai pola edición número 34
Galego con acento de case todas partes escoitarase estes días en Mazarelos. Hai máis de 20 nacionalidades distintas e moitos dos alumnos veñen xa por terceira vez. Son, no seu país, verdadeiros embaixadores do noso idioma.
Entre sorrisos e un sol radiante, hoxe inauguraban unha nova edición deste curso de verán que serve desde o ano 89 para sementar o amor pola lingua galega polo mundo adiante.
Entre os alumnos, hai moitos profesores e lingüistas, como Vikash, que xa traduciu ao hindi moitos dos nosos poetas. Contos da nosa tradición oral en checo, son posibles grazas ás aprendizaxes de Alois, por exemplo, un alumno interesado especialmente na nosa música. Tamén hai unha profesora de San Petersburgo, Anastasia, que difunde alí información sobre a lingua, a terra e a paisaxe.
"Afortunadamente isto segue tendo unha vitalidade enorme e é un boca a boca, temos xente de arredor de 20 países. Isto é xa unha escola de embaixadores", declarou Víctor Freixanes, o presidente da Real Academia Galega
É un encontro coa lingua e a cultura, e entre culturas, que vai xa pola edición 34.