Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Cáritas achega o rostro dunha Igrexa que trata de estar preto das persoas"

"Cáritas achega o rostro dunha Igrexa que trata de estar preto das persoas"

O arcebispo de Santiago sinala que as cinco dioceses galegas atenderon 145.000 persoas en 2022

Francisco José Prieto insta os contribuíntes galegos a marcar o "x" para a Igrexa na declaración da renda porque "beneficia o conxunto da sociedade"

 

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, nunha entrevista no 'Bos días'
G24.gal 06/05/2024 09:07 Última actualización 06/05/2024 10:46

Por primeira vez, a Igrexa fixo balance da súa actividade en Galicia. Durante 2022, as cinco dioceses galegas atenderon un total de 145.000 persoas e investiron case 65 millóns e medio de euros.

Nunha entrevista no Bos días da TVG, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, asegura que con este balance pretendían facer un "exercicio de transparencia" para que a Igrexa tivese unha voz "única e significativa". 

"No mundo en que vivimos, que vai tan rápido, non todo o mundo é capaz de coller un tren que vai a gran velocidade, e Cáritas quere facer que ninguén quede sen esa oportunidade na vida". 

Francisco José Prieto puxo o foco nos preto de cinco mil voluntarios que día a día traballan en Cáritas, "un dos rostros máis visibles da Igrexa en Galicia". Segundo sinalou, estes voluntarios "achegan o rostro dunha Igrexa que trata de estar preto das persoas (...), tomando da man a xente e poñéndoa de novo camiño da vida, dándolle unha oportunidade. E esa oportunidade trata de ofrecela Cáritas".

Na entrevista, o arcebispo de Santiago fixo un chamamento á cidadanía galega para que marque o "x" no apartado da Igrexa cando fagan a declaración da renda. En Galicia fixérono no último exercicio fiscal o 23 por cento dos contribuíntes, un oito por cento menos que no conxunto do estado.

Cre Francisco José Prieto que algúns non a marcan "por descoñecemento" ou porque "pode haber "prexuízos ou etiquetas", e pide que se realice esta achega que, ao seu xuízo, "beneficia o conxunto da sociedade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade