Quince monxas clarisas de Burgos e Vitoria retan a xerarquía da Igrexa católica
Quince monxas clarisas de Burgos e Vitoria retan a xerarquía da Igrexa católica
Pertencen aos mosteiros de Belorado, en Burgos, e o de Orduña, en Vitoria, e enfróntanse á expulsión
Detrás desta decisión está a venda dun mosteiro propiedade da congregación que o Vaticano non autoriza
O conflito afecta dous mosteiros, o de Belorado, en Burgos, e o de Orduña, en Vitoria. Son quince relixiosas as que decidiron abandonar a Igrexa católica e pasar a estar baixo a tutela da xurisdición do bispo Pablo de Rojas, excomungado no 2019. As relixiosas seguen encerradas no convento e comunícanse a través das redes sociais.
"Tede un pouco de paciencia que o iremos explicando, a realidade que temos é poder amosarvos o que fomos descubrindo e o desexo da verdade e do abrazo con Cristo", explican a través das redes as relixiosas.
Non están soas, nos vídeos vese que as acompañan algúns familiares e tamén colaboradores do bispo excomungado.
"A miña filla cóntame que isto xa o vían vir e que se trata dunha decisión meditada", comenta o pai dunha delas.
A orixe do conflito está en que o Vaticano non autorizou a venda dun mosteiro da congregación. Trátase do de Derio, en Bilbao. Co diñeiro da venda deste convento querían adquirir o mosteiro de Orduña. A arquidiocese de Burgos di que non estaba ao tanto desta operación e agardan chegar a unha solución.
"Descoñezo porque a Santa Sé non deu o visto e prace a esa operación. Non hai que precipitarse nas decisións, hai que tomar as cousas con tempo e co ánimo de establecer diálogo e afondar no asunto", di o arcebispo de Burgos, Mario Iceta.
As relixiosas poderían seguir o camiño do seu mentor e ser excomungadas.