Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os donos de montes nas Fragas do Eume piden mellores prezos para as súas terras

Os donos de montes nas Fragas do Eume piden mellores prezos para as súas terras

A Xunta xa comezou a adquirir terreos na zona máis protexida e conta con 1.840 hectáreas públicas

Dúas asociacións de propietarios rexeitan as actuais condicións do Plan Reitor de Usos e Xestión

G24.gal 06/07/2024 14:40 Última actualización 06/07/2024 15:15

A Consellería de Medio Ambiente reparará este verán a ponte colgante de Cal Grande, nas Fragas do Eume. A conselleira, Ánxeles Vázquez, asegurou que a Xunta segue negociando cos propietarios do monte para mercarlles os terreos do parque.

Dúas asociacións reclamáronlle este sábado unha revisión dos prezos que se pagan porque din que son insuficientes e non foron consensuados.

O parque ten unha superficie de máis de 9.000 hectáreas, moitas delas de propiedade privada que están desde o ano pasado dentro do Plan Reitor de Usos e Xestión que rexe o espazo natural. A Xunta xa comezou a adquirir terreos centrándose na zona máis protexida, pero parte dos propietarios do monte rexeita o Plan.

"O Plan está aprobado pero iso non quere dicir que sexa inamovible. Os plans son obrigatorios en todos os parques porque se non hai un plan non hai parque. Agora mesmo temos un total de 1.840 hectáreas públicas. Estamos en condicións de adquirir 40 hectáreas máis ao longo deste mes e a principios do próximo e xa estamos pechando cos propietarios doutras 60 propiedades", asegurou Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente. 

Dúas asociacións que agrupan a boa parte dos propietarios entenden a importancia do parque pero cren que é necesario un equilibrio entre a xestión ambiental e o valor das súas terras.  

"O que nos dixeron foi, nun momento dado, que: se era mato era a 0,35 euros o metro cadrado; se era pendente de máis do 50 % era a 0,60 o metro cadrado; e se era de menos de 50% era a 0,70. En definitiva é unha tomadura de pelo porque todo o mundo sabe que a terra ten outro valor e que porque sexa parque natural non perde o valor, e levamos anos e anos con restricións", describiu Ánxeles Pita, voceira da Asociación Parque Natural Fragas do Eume. 

Está previsto que na próxima semana se reúnan coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural para buscar un acordo. Tamén nos próximos días comezarán as obras de reparación da ponte peonil que durarán todo o verán para garantir un paso seguro de visitantes e pescadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade